Xornada electoral sen incidencias salientables no conxunto de España
Xornada electoral sen incidencias salientables no conxunto de España
A constitución das mesas electorais desenvolveuse con normalidade
Os cidadáns puideron empezar a votar ás nove da mañá, como estaba previsto, na maioría dos 22.901 locais electorais habilitados por toda España para acoller estes comicios. Ás dez e media da mañá só dez das 60.542 mesas dispostas seguían pendentes da súa constitución total.
De feito, na conferencia de prensa que se ofreceu a esa hora, a subsecretaria do Interior subliñaba como o máis destacado a rapidez coa que se votara e se puidera pechar xa o proceso na localidade rioxana de Villarroya.
"Quizais unicamente mencionar que se consituíu e xa se votou en Villarroya, como adoita ser habitual", indicaba Isabel Goicoechea.
En concreto, en Villarroya bateron a súa propia marca de velocidade, impoñéndo as présas uns votantes a outros. Nas eleccións de 2019 pecharan as urnas en algo máis de 32 segundos, esta vez rebaixaron o tempo a menos de 30 segundos. Os sete veciños censados na localidade querían volver ser os primeiros de España en completar o proceso.
"Estamos tan adestrados que o facemos enseguida. É que a xente de Villarroya somos listos e é así", chanceaba o alcalde actual e candidato á reelección.
Tamén andaron áxiles en Illán de Vacas, en Toledo, o concello máis pequeno de España, con tres electores.
Fronte aos concellos veloces, houbo tamén algúns con atrasos. O motivo máis recorrente nestes casos foi a falta dalgún membro da mesa ou de todos os chamados para integrala, como sucedeu en Tres Cantos, en Madrid. A mesa afectada tivo que ser constituída con outros cidadáns ao non se presentaren nin o presidente nin os vogais, nin os titulares nin os suplentes.
En Bezana, en Cantabria tamén abriu con atraso unha mesa porque os convocados para conformala non foron ata que se lles requiriu que acudisen. Noutra de Santander non faltou ninguén pero o presidente sufriu un ataque de pánico cando os suplentes xa marcharan e houbo que botar man dunha votante para substituílo. Antes pedíranllo a un home de 33 anos, que se negou. Segundo informaron desde alí, o votante púxose agresivo e acabou detido pola Policía Nacional.
En Sueca, en Valencia, pararon as votacións en tres colexios electoriais por un problema coas papeletas.
"Imprimíronse mal as papeletas. Están a dobre cara e por tanto ese voto sería nulo", explicaban desde alí.
Unha vez retiradas as papeletas defectuosas, retomouse o proceso de votación.
Onde se produciu o incidente posiblemente de maior alcance foi en Dos Hermanas, en Sevilla. Un vogal sufriu unha parada cardiorrespiratoria. O afectado foi trasladado ao hospital logo de ser reanimado pola policía.