Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os comuneiros de Mourente amosan a súa indignación por cobrarlles o IBI do Hospital de Montecelo

Os comuneiros de Mourente amosan a súa indignación por cobrarlles o IBI do Hospital de Montecelo

G24.gal 27/12/2023 14:24

A polémica xorde polo pagamento de tres recibos do imposto de bens inmobles dos terreos ocupados polo hospital de Montecelo. As notificacións chegaron á comunidade de montes de Mourente, propietaria das parcelas e que ten un convenio co Sergas para o uso dos terreos.

Carlos Morgade, presidente da comunidade de montes de Mourente: "O curioso é que nos chegan uns recibos do Concello de Pontevedra por 116.000 euros porque quere cobrarnos por estes terreos e polo hospital o IBI. As comunidades de montes estamos exentas e o hospital público non é noso, e polo terreo comunal, as comunidades de montes estamos exentas".

Xa presentaron un recurso e, sen non se resolve a situación, están dispostos a chegar aos tribunais. Din, ademais, que o problema do IBI vai máis aló deste caso. Insisten en que afecta outras comunidades de montes do municipio, que preparan unha resposta conxunta.

Carlos Morgade, presidente da comunidade de montes de Mourente: "Na mancomunidade de Pontevedra estamos estudando levar o Concello aos tribunais para que non se volvan emitir máis estes recibos a nome das comunidades de montes, e incluso avaliamos a posibilidade de denunciar os responsables políticos e técnicos por prevaricación porque saben que estes terreos están exentos e non se poden emitir eses recibos".

Preguntamos ao Concello cal é a súa posición sobre esta polémica, pero á hora de emitir a noticia non tiñamos resposta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade