Os concellos galegos reivindican o seu papel para avanzar nunha sociedade igualitaria
Os concellos galegos reivindican o seu papel para avanzar nunha sociedade igualitaria
Concellos de toda Galicia participan na Fegamp nunha xornada en que comparten experiencias en materia de igualdade
Concellos de toda Galicia participan na Fegamp nunha xornada en que comparten experiencias en materia de igualdade. Coinciden en que queda moito camiño por percorrer, pero saben que as súas políticas son fundamentais para sensibilizar a poboación e romper estereotipos.
No foro estivo a secretaria de Estado de Igualdade que defende que calquera investimento nesta materia é pouco. Aina Calvo, secretaría de Estado de Igualdade, asegura que é fundamental para "combater o dispendio de talento, o dispendio de xustiza e o eventual dispendio e perdas de vida que suporía que non tivésemos este investimento. 1.255 mulleres asasinadas desde que temos datos, 2003".
Coinciden en que as políticas de Igualdade deben estar en revisión permanente. En pequenos concellos como o de Tomiño ofrecen asesoramento xurídico e psicolóxico. Na súa oficina atende unhas 70 mulleres ao ano.
A alcaldesa, Sandra González, destaca que "cada vez máis mozas novas veñen á Oficina de Igualdade por casos de violencia, e son casos diferentes. Non son os de sempre. Son violencia a través dos móbiles, do control da conduta, e contra iso tamén necesitamos recursos de como actuar"
Para frealo teñen en marcha un programa de educación en igualdade en colexios e institutos. A formación é esencial.
Tamén o traballo conxunto de todas as administración. A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade en funcións destacou esa colaboración. "Hai 84 centros de información á muller, que dan cobertura a 200 dos 313 municipios e aproximadamente atenden unhas 9.5000 mulleres, seguiremos potenciando esta atención integral con especial atención ao rural", dixo Elena Rivo.
Unha atención integral para impulsar a corresponsabilidade nos coidados e na conciliación laboral. E loitar contra a fenda de xénero con programas que incorporen a muller nos ámbitos máis masculinizados como o científico, o tecnolóxico e o industrial.