Os disfraces do Samaín están presentes xa en boa parte dos comercios
Os disfraces do Samaín están presentes xa en boa parte dos comercios
Poucos son os escaparates ou a decoración que se libra estes días da pegada do Samaín. Este ambiente terrorífico chega cada vez algo máis cedo, e paseniño vai conseguindo máis adeptos cada ano.
"Un pub colle unha grilanda, un adorno, a xente un anteface… ata o día de hoxe que é unha campaña que xa superou a do Nadal. Cada ano máis, a xente xa espera esta festa e iso é moi importante, é un grande indicativo de que a festa vai en auxe", explica Patricia Torres, propietaria da tenda de disfraces O Almacén, en Ourense.
Así que malia que aínda quedan dúas semanas por diante para celebrar o Samaín moitos andan xa cos preparativos.
"Non todos os anos, pero hoxe estabamos un pouquiño inspirados e dixemos imos disfrazarnos, por que non?"
"A verdade é que a min disfrazarme encántame, son moi de Ourense, de Entroido, calquera escusa váleme. Disfrázome case todos os días na miña casa coa miña filla, pero sempre que hai unha oportunidade de facelo na rúa xenial. Chámese Samaín, Entroido, como se chame".
"Algo referido á cadea, carcereiro, prisioneiro".
Este ano, din, non hai disfraces favoritos, pero si unha chea de opcións. Para grandes e pequenos. E en todos os formatos.
"Vén a xente e sobre todo os cativos, é os que máis lles chama a atención o Samaín, e cada vez máis. Dende as galletas, estas son novas deste ano, as cookies coa forma da araña, as piruletas. Os nenos sobre todo é a quen máis lles chama a atención", apunta Ana Belén Fraile, da chocolatería Late and Late.
Os nenos e os grandes porque din que a festa consegue chegar cada vez a máis xente e que de a pouco vai subindo a media de idade.