O empresariado de ocio nocturno ten boas previsións para esta noite
O empresariado de ocio nocturno ten boas previsións para esta noite
Reclaman, porén, un maior control dos concellos fronte ás festas ilegais
Esta Noitevella calculan 360 festas ilegais no conxunto de Galicia
Na Federación de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia teñen boas previsións para esta noite.
"Moitos locais completaron a venda de entradas. Hai menos locais dos que había, pero creo que é un ano bo para o sector", afirma o presidente, Samuel Pousada.
O empresariado lamenta, porén, que se sigan producindo festas ilegais. Estiman que esta noite haberá unhas 360 no conxunto de Galicia, a maioría en locais destinados a outras actividades, como restaurantes ou pubs, e un 15 % en espazos sen licenza de ningún tipo.
"Son locais abandonados, locais que estiveron pechados, naves sen acondicionar. Son bombas de reloxería", puntualiza Samuel Pousada.
Samuel Pousada afirma que botan en falta un maior control por parte dos concellos.
"É importante que haxa unha implicación dos concellos nos dous tipos de ilegalidade. Que se preocupen de que se tramiten as autorizacións e de previr as festas clandestinas, que representan un perigo moi grande", subliña.
Pousada cre que traxedias como o incendio das discotecas de Murcia están espertando unha maior concienciación.