Os empresarios galegos instan o Goberno a tomar medidas fiscais e de formación para consolidar a recuperación
Os empresarios galegos instan o Goberno a tomar medidas fiscais e de formación para consolidar a recuperación
Os empresarios galegos instan o Goberno a tomar medidas fiscais e de formación para consolidar a recuperación
A industria galega precisa case 150.000 traballadores a nivel global, di o presidente da patronal galega, Xosé Manuel Vieites
Ante as perspectivas negativas para 2023, piden que se priorice a formación profesional tanto regulada como dual dos traballadores para acceder ao mercado de traballo
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, asegurou no espazo Bos Días da TVG que o dato positivo da baixada do paro en maio ten que supoñer un impulso para redobrar os esforzos e consolidar a recuperación.
"España lidera os datos económicos negativos en Europa cunha alta inflación, unha elevada débeda e co dobre da taxa de desemprego da UE. Os datos de maio supoñen un aliciente para as empresas que traballan para crear riqueza no territorio. Ante as incertezas sobre a recuperación, España precisa cambios estruturais con vistas ao futuro", dicía Juan Manuel Vieites.
Os empresarios reclaman que desde a Administración se impulsen medidas de fiscalidade, estruturais e que se insista na formación. Cren que só así se podería gozar dunha recuperación consolidada.
"Temos unha disxuntiva entre o comportamento do emprego, que vai ben, con outros datos macroeconómicos relacionados. Os empresarios tememos a situación tras o verán. As familias perderán o colchón creado tras a pandemia polo que os datos para o próximo ano non pintan ben. Hai que traballar na colaboración público-privada. O Goberno debe de poñer un marco de xogo axeitado para que tanto os empresarios como os cidadáns estean mellor", insiste o presidente da patronal galega.
Desde as empresas asegúrase que se está a facer o máximo esforzo ante unha situación grave polo encarecemento da enerxía e das materias primas. A patronal galega reclama medidas serias e rigorosas para reverter a situación económica, que -din- que é límite.
E ante a falta de man de obra en moitos sectores os empresarios esixen que se utilicen os fondos Next Generation de xeito correcto e ante os cambios no modelo produtivo, os traballadores poidan ter a formación adecuada.
"Precísase talento e formación ante as novas economías que chegan: economía circular, verde e a dixitalización focalizada nas persoas. Para gañar os retos de futuro temos que ter a man de obra nos novos sectores de actividade ben formada", afirma Juan Manuel Vieites.
En Galicia, ademais, insisten, tampouco se poden deixar os sectores estratéxicos que tamén precisan traballadores, como a pesca, a industria, a construción ou a hostalaría.
"Hai que insistir na formación tanto regulada como dual en colaboración coas empresas. A colaboración público-privada debe de poñer o campo de xogo para que as empresas dispoñan do talento necesario, dos profesionais para incorporalos de xeito rápido", insiste o presidente da patronal.
As estimacións dos empresarios indican que a nivel global a industria galega precisaría uns 150.000 traballadores para incorporar canto antes.