Decenas de mortos en Siria e Iraq tras os bombardeos estadounidenses
Decenas de mortos en Siria e Iraq tras os bombardeos estadounidenses
Medra a tensión en Oriente Próximo tras a resposta dos EUA ao ataque en Xordania da pasada semana
A primeira rolda de bombardeos de represalia dos Estados Unidos en Iraq e Siria rematou con polo menos 45 vítimas mortais en ambos os dous países, segundo o Goberno iraquí e a ONG Observatorio Sirio de Dereitos Humanos.
Siria e Iraq consideran que esta campaña aérea viola a súa soberanía e advirten dos perigos que implica. Segundo as súas autoridades, "alimenta o conflito en Oriente Próximo de xeito moi perigoso" nun momento de máxima tensión na Franxa.
Os EUA anunciaron o bombardeo a pasada noite de máis de 85 obxectivos e instalacións vinculadas á Garda Revolucionaria iraniana no leste de Siria e no oeste de Iraq.
Washington quixo responderon deste xeito ao ataque perpetrado por milicias proiranianas o domingo en Xordania, no que morreron tres soldados estadounidenses. Foi a reacción de maior envergadura dende o estalido da guerra en Gaza.
Ameazas
A milicia iraquí Al Nujaba, unha das máis prominentes da Resistencia Islámica en Iraq, dixo que responderá aos bombardeos no momento e no lugar que considere, emulando así discursos anteriores do Pentágono respecto ás represalias contra estes grupos.
Considerada grupo terrorista por Washington, asegura gardar "sorpresas que farán anoxar o inimigo" e que o seu obxectivo é forzar a saída das tropas estadounidenses de Iraq.
"Repetimos, para que os xordos poidan oír, que non daremos tregua nin nos retiraremos, nin tampouco seremos derrotados", sentenciou o movemento proiraniano nun comunicado.