Os estudantes de Medicina do HULA publican un vídeo reivindicativo con música e humor
Nel animan a cursar o Rotatorio Clínico en Lugo, posto que moitas das prazas ofertadas quedaron vacantes
Ao ritmo de 'Gimme! Gimme! Gimme!' e de 'Mamma Mia!', de Abba. Así, con música e humor, é como os estudantes de sexto de Medicina que fan prácticas no HULA animan o resto do alumnado a que cursen o Rotatorio Clínico no hospital lucense. Das trinta prazas dispoñibles, quedaron libres once, polo que no video que realizaron convidan os futuros médicos a que se formen neste centro.
"Queriamos mostrar o bo ambiente que se respira aquí, tanto entre o alumnado como entre o persoal médico. Que se vexa que somos algo máis que médicos en formación e que o podemos pasar ben doutras maneiras", explica Ainé Novo, estudante de Medicina.
"Parte de Asturias acóllese ao HULA, polo que xa sabía o bo hospital que é e a boa formación que dá para os estudantes", sostén Julia Bermúdez, estudante de Medicina.
O propio titor das prácticas participou neste vídeo tan reivindicativo como humorístico. De feito, parte do seu labor consiste, precisamente, en captar talentos no eido da medicina.
"A asistencia e a práctica que damos é moito máis exquisita e intensa que noutros lados. Noutros hospitais teñen moitos residentes, moito persoal en formación, e aquí eles son case o personaxe central. Despois dos residentes, están eles", di Tino Piñeiro, coordinador docente do HULA.
Publicado hai escasos días, o vídeo acumula xa milleiros de visualizacións, o que dá conta do seu notable éxito. Agora, só falta que a súa mensaxe tamén triunfe.
