Os familiares do Villa de Pitanxo, esperanzados coa resposta da Eurocámara
Os familiares do Villa de Pitanxo, esperanzados coa resposta da Eurocámara
A portavoz das familias, María José de Pazo, cre que a atención do Parlamento Europeo reforza as súas demandas para que se investigue o barco afundido
Os familiares pídenlle maior transparencia e información ao Goberno
Os familiares das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo esperan que a decisión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo de estudar con urxencia as demandas das familias sirva para que o Goberno español investigue o accidente baixando ao barco.
Nunha entrevista no programa Galicia por diante da Radio Galega, a portavoz dos familiares, María José de Pazo, insistiu en que o Goberno está obrigado por lei a investigar o naufraxio con todos os medios dispoñibles.
"A Eurocámara faille o recordatorio ao Goberno de que ten que cumprir a lei. Porque o que estamos pedindo recólleo o ordenamento español, ratificado pola Unión Europea. Ou sexa, que é de obrigado cumprimento".
María José de Pazo reclamou máis transparencia e información por parte do Executivo e lamentou que tivesen que saber polo BOE que o ministerio de Transportes prepara unha maqueta e un modelo do afundimento cun investimento de 70.000 euros.
"A finais de xullo estivemos coa ministra de Traballo, con dous secretarias de Estado, o director xeral da Mariña Mercante, co director xeral de Sasemar e co Delegado do Goberno en Galicia e non nos dixeron absolutamente nada. Por que este escurantismo? As familias temos dereito a que se nos informe".
Os familiares das vítimas do Villa de Pitanxo acudirán a Bruxelas o 25 de outubro, a data fixada pola Comisión de Peticións do Parlamento europeo para que expoñan as súas demandas.