Os gandeiros galegos arrincan a campaña de venda de doses seminais de touro
Os gandeiros galegos arrincan a campaña de venda de doses seminais de touro
Oito dos dez mellores sementais de frisón españois son galegos, do centro lugués de Xenética Fontao
Sperminator, Starmax, Sundowner... Non son os protagonistas dunha película de superheroes, senón o nome dalgúns dos mellores sementais de raza frisoa de España. Todos os anos polo mes de xaneiro Xenética Fontao e as AFRICOR, as asociacións de criadores provinciais, organizan unha campaña de oferta conxunta de doses seminais dos touros máis destacados deste centro
Estes touros e outros vinte máis estarán a disposición dos gandeiros de vacún de leite galegos durante este mes de xaneiro a prezos reducidos, que poden supoñer un aforro da metade respecto dos prezos de mercado.
"Nos dez mellores touros españois temos oito touros, Xenética Fontao. Polo tanto a oferta que se lles achega aos gandeiros galegos é dos melloriños touros que agora mesmo poden usar en España.", comenta Mauricio de los Santos, veterinario en Xénetica Fontao.
Entre os 25 sementais que se ofertan este ano, destacan Starmax, Campeón e Gavino Red, os primeiros nas últimas avaliacións xenómicas da Confederación Frisoa Española:
"Son touros que teñen unha particularidade, xa teñen que ser bos, porque son touros que repiten proba, non é a primeira avaliación. Neste mundo de hoxe en día que vai todo tan rápido as novidades, os touros novos chegan moi forte, normalmente superando os que xa estaban na listaxe. Non é o caso destes tres".
De 14 destes 25 touros vaise ofertar seme sexado, cada vez máis demandado polos gandeiros, xa que lles permite asegurar en máis dun 90 por cento que a cría que vai nacer será unha femia. Xenética Fontao é o único centro de España en producir seme sexado, grazas a un acordo cunha das dúas empresas no mundo que teñen a patente deste sistema:
"Pretendemos regalar 4.000 doses nesa condición, á xente que compre doses de seme sexado de Xenética Fontao, que por certo nesta campaña van 14 touros a sexar, co cal existe unha gran variabilidade xenética e dos mellores touros", Jesús Vázquez, xerente de Xenética Fontao.
Poden acceder a esta campaña de compra conxunta as máis de 2.100 ganderías integradas no programa de control leiteiro en Galicia, e supón un aforro medio do 50 por cento respecto do prezo de mercado destes sementais. O prazo para solicitar as doses remata o 31 de xaneiro, e prevese comezar co repartimento dos pedidos a partir de marzo.