Os hoteis para cans, unha alternativa para as mascotas nas vacacións de Semana Santa
Os hoteis para cans, unha alternativa para as mascotas nas vacacións de Semana Santa
Case non teñen prazas baleiras para esta ponte e xa comezaron as reservas para o verán
Nestes días festivos os hoteis para cans convértense nunha solución para aqueles que non poden viaxar coas mascotas os seus destinos. Nalgúns destes establecementos apenas quedan ocos libres.
Este é Nelson, foi un dos últimos en chegar, vai pasar as vacacións de Semana Santa nesta residencia para cans. Javier Vázquez García do Hotel canino Gardacán:
"Nas vacacións hai moitos sitios onde non permiten os cans entón temos que permitirlles tamén a eles ter as súas vacacións persoais e que mellor sitio que aquí. Saben que están atendidos e malia que lles gustaría levalo con eles pois aquí vai estar tamén gozando".
As chamadas para reservar praza para Semana Santa comezaron hai xa varias semanas.
"Estamos a tope non podemos coller nin un máis, estamos cheos e pinta así ata a semana que ven. Igual na tempada de verán, na tempada de inverno isto é un non parar. Con dous meses é cando empezan a chamar, o que chama cunha semana vista xa non ten sitio".
A residencia conta con todo o que precisan para estar coma na casa estes días. Un lugar para o descanso, zonas para correr, comida e a atención e o agarimo dos seus coidadores.
"O can ten necesidades e aquí sempre están cubertas, fártanse de correr, fártanse de xogar, comen como nos din os donos, mesmo un pouco máis porque fan mesmo máis exercicio do que fan na casa. Tamén teñen eles dereito a saír da casa e gozar dunhas boas vacacións".
Para estancias curtas como a destes días de Semana santa os prezos están nos dezasete euros por día. E se non hai tempo para traelo ata aquí ou para recollelo cando rematan as vacacións tamén se encargan do seu transporte. A demanda din, increméntase ano tras ano e contan que xa teñen reservas para os meses de verán.