O control de antibióticos para as mascotas chega coas queixas dos veterinarios
O control de antibióticos para as mascotas chega coas queixas dos veterinarios
Denuncian sobrecarga de traballo e limitacións para prescribir estes medicamentos
Desde o dous de xaneiro, os veterinarios están obrigados a rexistrar oficialmente os antibióticos que lles receitan ás mascotas e a realizar probas complementarias para xustificar a súa prescrición. Só unha das catro categorías en que se agrupan estes medicamentos non recolle esta esixencia.
"O problema é que moitas veces ese grupo non é o idóneo para tratar as patoloxías. Entón, teriamos que facer cultivos e outras probas para xustificar o uso doutros antibióticos. Mentres agardamos os resultados, o animal está cun tratamento insuficiente ou que non lle está facendo efecto", explica Andrea Mosteiro, titular da Veterinaria Vilaboa.
A nova normativa pretende combater a resistencia a estes medicamentos, pero os veterinarios denuncian que limita a súa capacidade de tomar decisións rápidas e eficaces, alonga e encarece os tratamentos e provoca problemas de stock.
"Se pensamos que todos os veterinarios en España estamos a prescribir os mesmos antibióticos, estes entran en ruptura de stock. Entón nin os provedores, nin as farmacias nin tampouco nós somos quen de conseguilos", denuncia.
Tampouco poden, en teoría, receitar antibióticos a animais que non estean identificados cun microchip, con excepcións que a Dirección Xeral dos Dereitos dos Animais detallou hai uns días ante as críticas xeneralizadas do colectivo de veterinarios.
"Temos que respectar o noso código deontolóxico e non imos deixar ningún animal sen un tratamento, porque o primordial é a súa saúde", asegura Andrea.
Critican, ademais, a carga burocrática excesiva que supón ter que notificar electronicamente cada receita través do sistema PRESVET.