Publicador de contidos
Publicador de contidos

A superficie queimada polos incendios en Galicia xa supera as 9.000 hectáreas

G24.gal 18/07/2022 09:44 Última actualización 18/07/2022 15:03

Galicia comezou a xornada deste luns con 16 incendios forestais que queiman 9.140 hectáreas, case o triplo que hai 48 horas, e múltiples núcleos de poboación en risco nas provincias de Lugo e Ourense, informa a Consellería do Medio Rural.

A reactivación do incendio en Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que estaba estabilizado, multiplicou a área queimada desde as 1.100 hectáreas ao mediodía do domingo ata as 2.400 que se manteñen desde onte á noite e levou á activación da situación dúas, de risco para núcleos poboados, porque as chamas alcanzaron a aldea de Candeda.

Na zona houbo desaloxo de vivendas en varios puntos e traballa a Unidade Militar de Emerxencias, que tamén está en Folgoso do Courel xunto ao resto de medios.

En Ribadavia  segue controlado, desde a tarde do sábado, o lume que empezou na parroquia de Ribadavia e que afecta a 65 hectáreas.

Tres lumes activos en Folgoso do Courel

Folgoso do Courel ten tres lumes activos tamén en situación de risco para núcleos poboados, un en Vilamor próximo ao núcleo de Parada de Montes, con 2.500 hectáreas; outro tamén en Vilamor, de 300 hectáreas, e un terceiro en Seceda, con 1.100 hectáreas.

A presenza de dous incendios activos, un procedente de Portugal, en Oímbra (Ourense) e a súa proximidade aos núcleos de Videferre e San Cibrao levou a activar aquí tamén a situación dúas. O próximo a Videferre calcina 350 hectáreas mentres que o que está próximo a San Cibrao alcanza as 20 hectáreas.

Ao mediodía do domingo empezou en Palas de Rei, na parroquia de Ramil, outro lume que xa acumula 275 hectáreas e ten situación de risco para os núcleos de Pambre e Chorexe. O alcalde de Palas Pablo Taboada recoñeceu que a noite “foi dura”, pero neste momento, salvo que “o lume se reavive”, xa non hai perigo para as casas.

Existe risco para núcleos noutro incendio na Pobra do Brollón, na parroquia de Saa, que afecta a unhas 700 hectáreas e permanece activo. A este súmase outro lume activo na mesma parroquia, que empezou o mesmo día e xa afecta a 50 hectáreas. O municipio de Quiroga sufriu outros tres incendios, pero un quedou sufocado esta madrugada tras queimar 83 hectáreas arborizadas.

Están controlados un lume localizado na parroquia de Outeiro que afecta a unha superficie de 250 hectáreas e outro na parroquia de Nocedo que queima 15 hectáreas, unha superficie corrixida tras unha estimación superior durante o sábado. En Vilariño de Conso (Ourense), un incendio activo queimou xa 800 hectáreas na parroquia de Pradoalbar.

A Consellería de Medio Rural e o Goberno traballan en todos estes incendios forestais, que suman 9.140 hectáreas, case o triplo respecto ao comezo da fin de semana, cando ardían 3.530. Os incendios seguen a evolución habitual, na que pasan de activos a estabilizados, despois a controlados e, por último, a extinguidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade