Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os incendios no Courel levan queimadas unhas 4.000 hectáreas e 500 veciños desaloxados

Os incendios no Courel levan queimadas unhas 4.000 hectáreas e 500 veciños desaloxados

Activada a situación de emerxencia 2 nos incendios de Vilamor e Seceda en Folgoso, e na parroquia de Saa na Pobra do Brollón

Hai 500 veciños desaloxados porque o lume ameaza os núcleos de poboación, e varias vivendas calcinadas

Avance do lume en Folgoso do Courel, imaxe da mañá deste luns
G24.gal 18/07/2022 14:45

O vento avivou os incendios en Folgoso do Courel, activos dende a tormenta eléctrica do xoves pasado. Polos datos da última actualización de Medio Rural, hoxe ás 13 horas, o incendio levaba arrasadas máis de 4.000 hectáreas na zona. 

En Folgoso hai tres incendios activos: dous na parroquia de Vilamor, con 2.500 e 300 hectáreas queimadas respectivamente; e un en Seceda, que afecta unhas 1.100 hectáreas. Os tres teñen activada a situación de risco 2, de ameaza a núcleos de poboación.

Os desaloxos comezaron xa onte á tarde polo núcleo de Froxán, e logo seguiron en cadea a Vilar, Vilallón, A Campa, Vilamor ou o mesmo núcleo de Folgoso. Cincuenta veciños pasaron a noite no pavillón de Triacastela, e en total hai uns 500 desaloxados na zona e varias casas calcinadas polo lume. 

Tamén permanece activa a situación 2 na parroquia de Saa na Pobra do Brollón, con 700 hectáreas arrasadas segundo as últimas estimacións. Hai uns cen veciños desaloxados e dúas casas queimadas que, confirman no concello, eran segundas residencias e estaban deshabitadas. 

Medios aéreos e terrestres da Xunta participan nas tarefas de extinción, coa colaboración duns 60 efectivos da UME. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade