Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os indixentes que dormen nos soportais de Correos aseguran que procuran manter limpo o lugar

Os indixentes que dormen nos soportais de Correos aseguran que procuran manter limpo o lugar

Recoñecen que días atrás houbo algún problema de limpeza por mor dun can

G24.gal 09/02/2024 16:09

Unha muller, que prefire non amosarse abertamente á camara, leva case un ano durmindo no lateral cuberto da Casa de Correos de Santiago. Está en contacto cos servizos sociais pero di que das alternativas residenciais que lle ofrecen ou non teñen prazas dispoñibles ou non lle encaixan. Por iso esta é, de momento, a súa casa. 

"Estiven no albergue o ano pasado, pero agora a mior parte das veces non hai sitio, aínda preguntei onte e dixeron que estaba todo cuberto. Eu queríame ir á miña casa pero ata que non resolva varios problemas non podo ir, e eu o que máis quero é poder marchar de aquí", contaba a muller afectada.

Mentres, di que procura mesmo que outros usuarios que ocupan o espazo eventualmente o manteñan o máis limpo posible, aínda que recoñece que pode haber algún problema puntual, coma eses días atrás.  

"A gota que colmou o vaso foi unha parella que tiña un can e deixaba todo o lixo por aquí adiante. Eu tiña que levantarme todos os días e dicirlles que nos ían botar de aquí, pero as cousas que din que nós ouriñabamos aquí e faciamos o demais, unha pura mentira o que sae no xornal, non sei quen o dixo", explicaba a muller.

"Coma nós hai moita xente que vén de copas e que mexa neses colectores, porque non somos só nós, hai moita xente que sae dos bares, á unha ou dúas da mañá, que van aí, e a xente pensa que somos nós", explicaba outro home que tamén durme no mesmo lugar.

Desde Correos din que poñen en coñecemento da Policía e dos Servizos Sociais a situación das persoas que se acollen no soportal por se cabe darlles algunha alternativa residencial. Mentres, eles piden poder seguir mantendo aquí unhas pertenzas mínimas, incluídos os cartóns de abrigo.

"Eu teño algúns que me cortan o frío, que os poño de pé, achego as caixas para que non me chegue o aire da rúa", conta a muller.

"Cando nos din que teñen que limpar sacamos todo e limpo", remataba o home afectado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade