Os forenses conclúen que Desirée morreu estrangulada e intentou defenderse
Os forenses conclúen que Desirée morreu estrangulada e intentou defenderse
Os investiagores atoparon restos de sangue de Desirée no pixama da nai, que Ana Sandamil tratou de ocultar escondéndoo baixo a cama
O forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) que este venres declararon no xuízo pola morte de Desirée Leal, conclúen que a pequena faleceu por causa de asfixia.
"Son signos clásicos de asfixia", asegurou o forense. "Oclusión das vías respiratorias e compresión no pescozo, o que é un estrangulamento, nunha palabra", afirmou cando a fiscala lle solicitou que establecese a causa da morte.
A súa conclusión é asfixia mecánica. "Estoulle dicindo que na miña opinión, hipoteticamente foi coas mans, ou co antebrazo ou cos dous simultaneamente ou alternativamente", aseguraba.
Este mesmo forense di que Desirée tratou de defenderse. "Nas mans había sangue tamén nos antebrazos. Sendo unha nena e non tendo moita forza, existindo unha gran diferenza de forza entre o agresor e a vítima, é de esperar que non haxa lesións de defensa. Pero o propio sangue en certo modo pódese considerar un signo de loita", asegurou.
Nesta mesma sesión a xefa de servizo de Química e dúas facultativas do Instituto Nacional de Toxicoloxía explicaron que a nena inxerira un fármaco antidepresivo, Trazadona, que chegou ao seu estómago e ao seu sangue, pero que faleceu antes de que o seu corpo o eliminase a través da ouriña.
A cantidade inxerida non sería letal para a pequena, aínda que non poden concretar exactamente canto foi. Explicaron, ademais, que en concentracións baixas, a Trazondona provoca somnolencia.
A parte inferior do pixama de Ana Sandamil, nai de Desirée Leal e única acusada do crime da pequena, contiña restos de sangue da nena de sete anos asasinada en maio de 2019.
Así o aseguraron dous gardas civís, que compareceron este venres en calidade de peritos na penúltima sesión da vista que acolle a Audiencia Provincial de Lugo, e especificaron ademais que nese pantalón se atopou igualmente unha mestura de restos orgánicos de ambas en que se detecta saliva.
Ese pixama, segundo declararon outros investigadores nas xornadas previas, fora atopado escondido e envolto debaixo da cama en que Sandamil durmiu coa súa filla.
"Unha persoa cun brote psicótico non intenta ocultar probas"
O pai de Desirée José Manuel Leal insistiu este venres na tese que vén defendendo a acusación desde o inicio da vista oral e, ás portas da Audiencia Provincial de Lugo, dixo que “unha persoa que sofre un brote psicótico non tenta ocultar probas”.
En declaracións aos medios de comunicación, recoñecía que desexa que finalice o xuízo, porque todo o proceso se lle está facendo “moi duro”. De feito, dixo que “o fatídico 3 de maio” houbo “dúas mortes”: “A da miña nena, que está no cemiterio, e a miña en vida. Isto é imposible de superar”.
O pai de Desirée afirmou que o “testemuño do último garda civil” que compareceu este xoves na vista oral “foi exemplar e tallante”, porque só tiña a dúbida de se a nena “fora asasinada na cama ou no chan” por parte da acusada, aínda que se inclinaba pola segunda posibilidade, por que o fixera “de xeonllos, encima do seu corpo e, en compresión, para asfixiala”.
Informes psicolóxicos e psiquiátricos
O avogado que exerce a acusación popular no xuízo, o letrado Francisco José Lago, opina que esta penúltima xornada da vista oral será “transcendental” porque permitirá demostrar que a acusada Ana Sandamil podía ter unha “afectación parcial” das súas capacidades, pero “en ningún caso” suficiente para eximila da súa “responsabilidade” na morte da súa filla.
Este venres teñen que presentarse os informes das psicólogas do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), que segundo Lago "no seu informe manifestan que houbo simulación por parte da acusada”, e tamén o ditame dos psiquiatras forenses: “Aínda que consideran que hai un pequeno trastorno da personalidade que pode afectar parcialmente as capacidades de coñecemento e vontade, en principio conclúen que hai responsabilidade”.
Desde o seu punto de vista, “hoxe quedará claro”, despois dos interrogatorios, “que se pode apreciar unha afectación parcial das súas capacidades, pero en ningún caso que a eximan de responsabilidade”.