Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os maiores aprenden sobre as utilidades dos teléfonos móbiles nun curso de Xinzo

Os maiores aprenden sobre as utilidades dos teléfonos móbiles nun curso de Xinzo

Este curso encádrase nas actividades do Concello de Xinzo de Limia polo 8M

 

G24.gal 19/03/2024 21:04 Última actualización 19/03/2024 21:37

Achegarlles as novas tecnoloxías aos nosos maiores, ese é o obxectivo do curso que desenvolven estes días en Xinzo de Limia. Desta vez descobren as moitas utilidades do teléfono móbil.

Aquí asisten as veciñas da aldea de Ganade. Teléfono en man, vanlle perdendo o medo ao seu móbil e aprenden o moito que teñen ao alcance da man. Tamén a protexerse, a navegar con seguridade por Internet. Din que unha das utilidades que prefiren son a das videochamadas e o WhatsApp, para poder falar coa familia e por iso de poder enviar a localización aos seus contactos. E lembran que a idade non é impedimento para poder achegarse ás novas tecnoloxías e ir da man cos tempos. 

"É moi importante que eles teñan unha seguridade á hora de utilizar o teléfono, que non teñan medo de que lles poidan roubar ou lles poidan suplantar a identidade. Dámoslles as pautas, os pasos para meterse en Internet de maneira segura, poder utilizar as aplicacións propias do teléfono", explica Sofía Dibuja, unha das instrutoras do Instituto da Familia que está a impartir o curso.

Dous días levan estas mulleres de Ganade aprendendo os segredos das novas tecnoloxías.

"A min chamáronme estes días para mandar unha localización e dixen: Como lle vou mandar a localización se non a sei? Agora polo menos xa sei!".

Din que queren ir cos tempos, así que non queda outra que aprender

"Todo está con informática para todos os lados: para o supermercado, para o banco, para as tendas, todo... Entón, temos que aprender a usar o móbil".

E claro, con tanto probar...

"Ai, que estou chamando a Dinamarca...!".

Moitas teñen mesmo redes sociais, saben facer fotos ou empezan co WhatsApp. E non falta, din, quen lles bote unha man.

"Tamén me ensinan os fillos".

"A miña neta está aquí e sabe practicar o móbil coma calquera, e eu non. Agora competimos as dúas: a nena e máis eu".

E xa no seu segundo día semella que o curso vai dando os seus froitos.

"Aprender cousas que non sabiamos sempre está ben".

"Parece máis difícil do que é, si que é verdade".

"Ben, facemos o que podemos".

O nivel básico pasárono con nota e moitas ganas de seguir aprendendo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade