A Xunta pon á disposición da xente nova avais para comprar a súa primeira vivenda
A Xunta pon á disposición da xente nova avais para comprar a súa primeira vivenda
As axudas avalarán ata o 20 % dos custos hipotecarios e variarán en función da renda e do concello onde se sitúe a vivenda adquirida
Os mozos que queiran adquirir unha vivenda en propiedade poderán contar cun aval da Administración autonómica. O goberno galego destinará ata 5 millóns de euros para cubrir o 20 % dos gastos de hipoteca ata un máximo de 48.000 euros.
"Se un mozo ten un aval da Xunta por 20.000 euros en canto pague os primeiros 20.000 euros de hipoteca o aval quedará cancelado. Somos conscientes de que esa diferenza entre o que se pode aportar e ese 20 % que moitas veces falta e a diferenza entre que se conceda unha hipoteca ou non", explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Para solicitalo deberán ser menores de 36 anos e non posuír outra vivenda en propiedade ou en usufruto en España. As axudas concederanse en función da renda e do concello onde se sitúe a vivenda. Percibirán a contía máxima os solicitantes que non superen uns ingresos de 16.800 euros. Por concellos, o prezo máximo da compra estará nos 240.000 euros no caso de vivendas situadas nas grandes cidades, 180.000 no caso de Lugo e Ferrol e 130.000 no resto de concellos.
"É a primeira vez que poñemos en marcha esta medida. Imos comezar cun crédito inicial de cinco millóns de euros ampliable en función das solicitudes e da aceptación que poida ter esta nova liña que agardamos que teñan unha demanda importante dadas as dificultades agora mesmo na compravenda de vivenda".
Estes avais van ser compatibles con outras axudas dirixidas a xente moza. É o caso da redución do imposto de transmisións patrimoniais do 10 ao 3 %, do que tamén se poden beneficiar.
Plan retorna
Tamén se aprobaron axudas para facilitar a volta dos galegos do exterior. Unha das liñas son apoios para montar un negocio en Galicia e van 6.000 aos 10.000 euros, se a beneficiaria é unha muller que decide crear unha empresa no rural. A outra liña son axudas para cubrir gastos para asentarse aquí.