Os nenos coñecen os felos do concello de Esgos
Os nenos coñecen os felos do concello de Esgos
Un proxecto do CEIP O Couto achégalles este ano aos alumnos os personaxes do Entroido da Ribeira Sacra
Achéganse as datas centrais do Entroido, días que en Ourense se viven case como en ningún sitio. Pero para que iso perviva no tempo é preciso que os máis novos coñezan desde pequenos esas tradicións que definen o Entroido ourensán. E por iso os felos de Esgos visitan hoxe o CEIP O Couto de Ourense. Os felos por natureza son trastes, así que hoxe as bromas, as carreiras e os bailes nas aulas e corredores do colexio protagonizaron boa parte da mañá.
Neste colexio de Ourense están xa somerxidos no Entroido, e os felos e madamas do concello de Esgos son hoxe os seus convidados.
"Antes levabas a pandeireta tocabas nas aldeas, a xente saía, bailabas coas Madamas e coa xente. Nós gardabamos os ovos que eles roubaban nos galiñeiros, e os chourizos. Pero só roubaban o día do Entroido", conta Marina Díaz, madama do concello de Esgos.
"Son todas tradicións orais, saen deses pobos deron aguantado o que foi o Entroido máis ancestral. Aprenderllo a xente máis nova é para que non se perda nin deixe nada esquecido polo camiño", explica Antonio Blanco Pérez, da Asociación cultural Felos e Madamas do concello de Esgos.
Un proxecto do colexio achégalles este ano aos alumnos os personaxes do Entroido da Ribeira Sacra, e está a ser todo un éxito entre os cativos.
"É o espírito do Entroido, están felices, estamos todos. É un día especial o de hoxe, mañá virán os de Manzaneda, este ano centrámonos na Ribeira Sacra o mellor para o ano tócanos o Triángulo Máxico tamén", apunta Elena Rodríguez Rivas, conserxe do CEIP O Couto.
Ás portas de comadres e dos días grandes do Entroido a festa ferve xa en grandes e pequenos.