Os neurorradiólogos do CHUAC operaron o ano pasado 177 persoas que sufriran ictus
Os neurorradiólogos do CHUAC operaron o ano pasado 177 persoas que sufriran ictus
Xunto co da Coruña, os hospitais de Vigo e Santiago son referencia en Galicia para atender os accidentes cerebrovasculares
No Día Mundial do Ictus, que conmemoramos neste 29 de outubro, entramos nos quirófanos do CHUAC, onde da man dun equipo de neurorradiolólogos asistimos á operación dun accidente cerebrovascular. Aquí atenderon o ano pasado 250 pacientes e operaron a177.
O resto levaron tratamentos con medicamentos antitromboxénicos.
Calcúlase que se producen en España uns 120.000 ictus ao ano e actuar a tempo é fundamental para reducir as graves secuelas que pode deixar un trombo ou un aneurisma.
Neste caso, sobre unha guía levan un stem -como unha malla en forma de tubo- para colocar na zona da arteria que está estrangulada, e que previamente ensancharon inchando un pequeno globo.
"Estamos cun cateterismo dos troncos supraaórticos. Desde a arteria da man estamos tratando de avanzar un catéter, para acceder ao lugar onde está a oclusión. Cando se chega, levamos un balón para ampliar ese paso e despois colocar o stem", explica José Luis Díaz Valiño, xefe do Servizo de Neurorradioloxía de CHUAC
A intervención diríxena dous neurorradiólogos, porque as técnicas de imaxe son imprescindibles neste tipo de operación, na que se chega a calibres de veas inferiores ás veces ao milímetro.
Un estilo de vida saudable axuda a previr esta doenza, que é a primera causa de morte en mulleres. E para iso é fundamental actuar canto antes, para que ningunha parte do cerebro perda moito tempo o rego sanguíneo. Por iso lembran os "F" das campañas de concienciación: Forza, Fala e Faciana. Se se ven alteradas e hai debilidade, hai que acudir aos servizos de urxencia para atallar as consecuencias.
"Se che pasa algunha estas tres cousas e importante ir ao Hospital. Se te operan a tempo podes quedar sen secuelas", explicou Marta Vázquez Suárez, afectada de ictus.
Unha mensaxe que hoxe levaron á rúa as asociacións de enfermos.