Os partidos preparan a súa maquinaria electoral de cara á convocatoria de maio
Os partidos preparan a súa maquinaria electoral de cara á convocatoria de maio
A designación de candidatos forzará unha remodelación do Goberno
Cando fai tres anos do primeiro Goberno de coalición en España, Pedro Sánchez prepara unha nova remodelación do executivo. A maquinaria electoral, con dúas ministras xa designadas candidatas ás alcaldías de Madrid e As Palmas, forzará unha crise de goberno antes de maio.
"A sociedade española demándanos diálogo e estabilidade. O goberno vai seguir traballando".
Pedro Sánchez reunirá este venres a executiva do PSOE e os seus 17 ministros para impulsar a estratexia electoral. Á esquerda do partido socialista todo está aínda por definir. Yolanda Díaz convoca os grupos de traballo da plataforma SUMAR para facer balance do proceso de escoita desenvolvido por toda España. Desde Podemos, Irene Montero urxe unha decisión para poder negociar unha coalición electoral.
"Que remate de montar o seu partido para poder ser a candidata do seu partido e de Podemos para poder formar unha coalición electoral".
Ciudadanos afronta unhas horas decisivas. Esta tarde coñecerase o equipo que vai dirixir a formación laranxa tras o tenso proceso de primarias. A candidatura encabezada por Patricia Guasp e Adrián Vázquez, próximos á actual presidenta, Inés Arrimadas, fronte á de Edmundo Bal e unha terceira liderada por Marcos Morales. O primeiro obxectivo será recompoñer a formación. No Partido Popular din que a porta segue aberta a todos os que queiran achegar talento. Os populares celebraron a primeira reunión do equipo de campaña que estará, din, moi pegada á rúa e aos territorios sen esquecer os grandes asuntos nacionais.
"Se fora Pedro Sánchez estaría moi preocupado.O Partido Popular sae a gañar".
O PP arrincará este sábado en Zaragoza os actos preelectorais coa presentación dos candidatos ás eleccións autonómicas de maio.