Os pediatras constatan un aumento das alerxias alimentarias infantís
Os pediatras constatan un aumento das alerxias alimentarias infantís
Calcúlase que no ano 2050 o 50 % da poboación sufrirá algún tipo de alerxia
Aceléranse os diagnósticos e os tratamentos de desensibilización
A Asociación Galega de Pediatría reuniu profesionais da atención primaria e dos hospitais para analizar as principais doenzas infantís que detectan nas consultas. O aumento das alerxias alimentarias dos máis cativos e o seu diagnóstico centrou un dos relatorios.
O número de persoas con alerxias alimentarias vai en aumento e nos primeiros anos de vida as máis comúns son ao leite, ao ovo, ao peixe e aos froitos secos.
As causas acumúlanse: estamos expostos a diferentes microorganismos, hai unha compoñente xenética e o ambiente tamén mudou tal e como detalla Manuel Rial Prado, alergólo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
"Cada vez é máis típico que tomemos antibióticos moi cedo, que esterilicemos as cousas. Digamos que esa inmunidade innata dos primeiros anos de desenvolvemento non está tan activa como tiñamos cando viviamos en granxas, máis na aldea, etc... Iso fai que o sistema inmunolóxico acabe atacando cousas que non debería atacar".
Como algúns destes alimentos son difíciles de evitar nas nosas dietas moitos dos pacientes acoden aos programas de desensibilización, para introducilos de xeito controlado medicamente.
"Agora coas pautas que temos a taxa de éxito é moi grande e cada vez redúcense máis as reaccións que ocorren dentro deste proceso. Ao final estamos dando algo ao que o paciente é alérxico. É posible que dentro dese procedemento se dean reaccións, pero faise dentro dun ambiente hospitalario, controlado e trátase no momento. De maneira que o paciente está un anaco no hospital, dúas ou tres horas e despois vai á casa como chegou".
A introdución cada vez máis temperá de certos alimentos nos bebés favorece que non se xeren alerxias.