Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta vai intensificar a limpeza das praias e o Goberno ofrece medios

A Xunta vai intensificar a limpeza das praias e o Goberno ofrece medios

O conselleiro do Mar reclámalle ao Executivo central máis información da vertedura de pellets plásticos

A delegación do Goberno lémbralle á Xunta que para recibir axuda estatal ten que activar o nivel 2 de emerxencia

G24.gal 07/01/2024 15:07 Última actualización 07/01/2024 22:36

Na comarca do Barbanza cada marea deixa unha nova liña de pellets de plástico na area. Desde mediados de decembro comezaron a aparecer sacos completos e millóns de bólas en suspensión que quedan nos areais e son unha ameaza para o ecosistema.

No parque natural de Corrubedo este domingo catro operarios de Tragsa cribaban a area cos restos que chegaron ao Vilar nos últimos días. Os axentes ambientais supervisan a aparición no litoral que chega xa á Mariña. 

"Neste parque natural de Corrubedo xa chegaron nove sacos enteiros, pero agora mesmo o traballo máis minucioso é o deses sacos que se esparexeron polo litoral e que hai que retiralos de maneira manual e delicada", asegurou Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural.

Os concellos afectados reclámanlle á Xunta unha actuación urxente para retirar a vertedura, acusan o Goberno galego de derivar neles os traballos de limpeza e de falta de información sobre o impacto ambiental. En Ribeira recolleron ata o momento 60 sacos.

"Os únicos traballadores que temos sobre o terreo é o Grupo Municipal de Emerxencias de Ribeira, que consta de nove persoas. Puxemos en marcha tamén mediante a empresa URBASER, que é a concesionaria do servizo de limpeza viaria e pública, dispositivos de limpeza de praias. Hoxe veu a directora xeral de Patrimonio Natural á praia do Vilar, con catro operarios que están facendo unha pequena recollida. Non sabemos canto vai durar nin cantos medios vai haber de maneira constante no propio terreo", reiterou o alcalde de Ribeira, Luís Pérez.

Desde Sumar, a candidata á presidencia da Xunta, Marta Lois, pediu a dimisión do conselleiro do Mar pola tardanza en activar o plan de continxencia por contaminación mariña.

"O señor Rueda fixo un mal exercicio de xestión dunha vertedura, que veremos cal é o seu alcance. Prudencia e que isto se poida controlar canto antes. Houbo falta de actuación, falta de coordinación e por suposto o conselleiro do Mar, o señor Villar debería dimitir". 

Mentres, os primeiros voluntarios que foron vendo a evolución da vertedura nas praias xa detectaron as bólas de plástico na cadea dixestiva do peixe. 

"Si que encontrei no estómago e no intestino a presenza de boliñas deste tipo porque deben pensar que son ovas ou pulgas da praia e cómenas," contou Luís Alsín.

Ante as convocatorias por redes sociais de xente que quere acudir a limpar pídese que se organicen en grupos e que colaboren con entidades ecoloxistas para aplicar unha metodoloxía segura na recollida, tanto para as persoas como para evitar que os plásticos se enterren máis na area. 

Villares pide "calma" e reclama información

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediu "calma" e volveu reclamarlle ao Goberno central máis información, antes de presidir a comisión técnica de seguimento da situación nos areais galegos por esta vertedura.

En declaracións aos medios, xunto á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lamentou ter que valorar datos que non teñen, xa que, tal e como volveu denunciar, Madrid non llos trasladou.

Reiterou que a única comunicación recibida pola Xunta produciuse os días 3 e 4 de xaneiro, a través duns correos electrónicos nos que se informaba de que un barco en augas  de Portugal perdera "uns colectores". O Executivo central asegura que informou o 20 de decembro.

Villares valorou que este mesmo domingo a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, se puxera en contacto co presidente da Xunta para ofrecer medios do Estado.

"As axudas que veñan do Goberno, benvidas son, pero o que nos ten que dar é información do que pasou, iso é o que demandamos", aseverou.

Sobre a zona afectada, Villares indicou que "parece ser" que chegou tamén ás costas de Asturias e Cantabria, polo que considera que "é xa un problema nacional" que vai máis aló de Galicia.

Ademais, insistiu en que o persoal de Gardacostas e de Tragsa colaboran cos concellos na limpeza dos areais desde que tiveron coñecemento da vertedura.

Composición do material 

En canto á composición do material, Villares afirmou que "en principio, son bólas plásticas" que analizarán e que a Xunta agarda confirmar a principios de semana.

Con todo, reiterou que o Goberno galego espera que o Executivo central tamén lles traslade esta información.

"Non somos coñecedores do número de colectores nin de sacos. Só temos os correos que nos transmiten o 3 e o 4 de xaneiro, aí fálase de seis colectores e un deles ten eses 'pellets'. Pero esa é unha información que se estaba comunicando o Goberno central coa xente do barco, non sei por que o Goberno central non nos transmitiu esa comunicación entre uns e outros", argumentou.  

Voluntariado

Ao preguntarlle sobre o voluntariado que se organiza estes días para a recollida de pellets nas praias galegas, Villares agradeceu o seu labor, pero pediu "andar con coidado" e "un pouco de orde".

Á espera de novos datos técnicos, confirmou que xa se puxeron en contacto coa aseguradora do buque, á que esixirán os gastos de concellos e outras administracións.

Sen fauna afectada

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que nos centros de recuperación "non hai nin unha soa especie de fauna" afectada por esta vertedura.

Así mesmo, fixo un chamamento a "calquera voluntario que aviste calquera especie" para que se poña en contacto co seu departamento. Neste contexto, pediu "calma" ante unha vertedura "de plástico co que se poden facer botellas das que despois bebemos".

A este respecto, avanzou que este luns se coñecerá a ficha técnica das análises realizadas e comprobarán "se é coincidente coa ficha técnica que ofrece a empresa".

Activar o nivel 2 de emerxencia

O Goberno de España ofreceu a súa colaboración para participar na recollida e limpeza dos pellets de plástico, "desde un espírito de cooperación, lealdade e respecto mutuo", pero para iso lembra que "a Xunta ten que activar o nivel de emerxencia 2".

"É necesario que a Xunta active o nivel de emerxencia 2, destinado a emerxencias de especial vulnerabilidade, e que solicite expresamente a mobilización dos medios estatais. O seguinte nivel, o 3, emprégase en situacións de interese nacional. Polo momento, a emerxencia decretada polas autoridades galegas é de nivel 1", explica nunha nota enviada pola Delegación do Goberno en Galicia.

Á espera desa decisión, "e por responsabilidade en prevención de calquera escenario" asegura que os medios están preparados para intervir en canto o goberno autonómico o requira.

Os feitos

Segundo o Executivo central, "o pasado 13 de decembro empezaron a chegar ás costas de Ribeira sacos cheos de pellets de plástico e tamén pellets dispersos".

"A primeira alerta que recibe o Goberno chega a través da Xunta, en concreto dos servizos do 112 de Galicia, que comunica a primeira información ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Simultaneamente, os vixiantes da Demarcación de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, levaron a cabo labores de vixilancia da costa afectada", relata no comunicado.

A continuación, di que o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra abriu de inmediato unha investigación para determinar a orixe da vertedura.

"As primeiras evidencias apuntaron xa a que podería tratarse do contido dun dos seis contedores que perdería o buque TOCONAO (bandeira de Liberia - IMO 9627899), o día 8 de decembro, uns 80 quilómetros ao oeste de Viana do Castelo (Augas de Responsabilidade SAR Portuguesa)".

De acordo coa nota, o 20 de decembro, o avogado da armadora do buque recoñeceu os feitos ao centro de coordinación de Salvamento Marítimo.

"Explicou que contrataran técnicos especializados para o seguimento da vertedura e púxose ao dispor para o pago dos custos dos labores de limpeza e para colaborar no necesario. Ese mesmo día, o Goberno comunica á Xunta de Galicia estas novidades".

O 4 de xaneiro, o letrado estimou que o contedor accidentado albergaba mil sacos de pellets pero dixo descoñecer a cantidade exacta da vertedura.

"O Goberno de España está realizando un seguimento exhaustivo do incidente. Por unha banda, a través de imaxes satelitais e vixilancias aéreas programadas pola Dirección Xeral de Mariña Mercante, que non detectaron ningunha mancha. Ademais, desde a Demarcación de Costas en Galicia, e polo que se refire á situación na costa, contactouse desde o primeiro momento cos concellos afectados para a retirada dos pellets (Ribeira e Porto do Son en decembro, Muros en xaneiro)". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade