Os permisos para queimas xa poden tramitarse mediante unha aplicación móbil
Na app XuntaEu os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha "queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras"

A Xunta informou este xoves de que xa está dispoñible unha nova forma de tramitar as comunicacións de queimas, que desde agora poderán realizarse a través da aplicación móbil XuntaEu.
Nun comunicado explican que os usuarios desta aplicación que seleccionen o botón "Contacta coa Xunta" terán á súa disposición, entre outras utilidades, a ligazón de permisos de queimas (Comunicación de queimas-Internet), así como o número de teléfono 085, ao que se debe chamar para alertar dun posible incendio forestal.

Unha vez dentro dese portal de Internet destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados, os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha "queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras".
As comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo con o establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Ademais, en días laborables, tamén está á disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas.
Tanto as comunicacións como as autorizacións para efectuar queimas de restos forestais amoreados deixarán de ter validez nos días que haxa vento e altas temperaturas.