Os prezos do marisco seguen estables a menos dun mes para o Nadal

Os máis previsores optan por mercar agora para conxelar

A centola é o marisco que máis subiu de prezo

G24.gal 02/12/2023 14:17 Última actualización 02/12/2023 15:23

Xa hai marisco reservado para o Nadal nos conxeladores das casas máis previsoras. As peixeiras notan a demanda desde o mes pasado.

"A verdade é que este ano a xente apurou para conxelar. Xa non tanto por se sobe o prezo senón por se falta o produto", explica unha peixeira do mercado da coruñesa praza de Lugo.

Polo momento, hai produto dabondo e os prezos vanse mantendo, con algunhas excepcións. A centola vai a corenta euros o quilo. Hai un ano por estas datas vendíase a vinte e cinco neste mesmo mercado. O quilo de camarón anda polos oitenta e cinco euros. Pero non faltan opcións se estes prezos non convencen.

"O lumbrigante témolo a 65 euros o quilo, o lagostino oscila entre os 50 e os 70, o percebe está a 85 e a nécora grande a 75, xa empeza a escalar", comenta outro vendedor.

O que non tardará en subir é a ameixa, este ano escasea. A babosa estaba este primeiro sábado de decembro a trinta euros o quilo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos