Soben os prezos na praza de Santiago respecto á Noiteboa
Soben os prezos na praza de Santiago respecto á Noiteboa
O lumbrigante, a 70 euros o quilo, é un dos mariscos que máis subiu
A centola subiu arredor de 2 euros en relación á semana pasada
A robaliza alcanzou os 35 euros o quilo e a pescada os 23
Moita afluencia na praza de Santiago desde primeira hora da mañá. Así é que, para mercar, tocaba agardar.
"Xa ves, hai que esperar", di un cliente.
"Si, hai bastante movemento", asegura un vendedor.
Os prezos, polo xeral, estaban este sábado un pouco máis caros ca na Noiteboa. Un dos mariscos que máis subiu foi o lumbrigante, que andaba a 70 euros o quilo. A centola tamén estaba máis cara cá semana pasada, aínda que a suba non foi moi grande.
"A centola estivémola vendendo en Noiteboa a 35, e agora en fin de ano a 37", asegura un comerciante.
"A centola a 38 e o camarón a 130", di unha clienta.
Entre os peixes, os máis demandados foron a robaliza, a 35 euros o quilo, e a pescada, a 23, pero nalgúns postos xa empezaba a escasear o produto cando aínda non eran as 11 da mañá.
"Queda marisco, pero peixe queda pouco", di un cliente.
As uvas tamén se venderon axiña, a pesar de que subiron moito de prezo.
"A cinco euros, a verdade é que subiron moito".
Son as últimas compras para despedir o ano, pero tamén para darlle a benvida ao 2024.