Produtores de tenreira suprema manteñen os tractores a carón da muralla de Lugo
Produtores de tenreira suprema manteñen os tractores a carón da muralla de Lugo
Reclaman solucións para uns prezos extremadamente baixos, moi parecidos aos de hai trinta anos
O luns reuniranse co conselleiro de Medio Rural e esperan data para outra xuntanza na Subdelegación do Goberno
Pretenden que a carne de tenreira de calidade se pague como tal. Ducias de tractores seguen aparcados na Ronda da Muralla de Lugo. Pertencen aos gandeiros que producen tenreira suprema e falan dunha situación límite. Explican que xa non poden máis.
"A situación está moi complicada. Estamos vendendo o gando a perdas", di un dos concentrados.
"Estamos matando animais porque non somos capaces de cubrir os custos que temos en cada explotación", sinala outro.
Véñeno repetindo nos últimos meses: o que lles pagan polo quilo en canal de tenreira suprema é semellante ao de trinta anos atrás. Como viaxar polo túnel do tempo en plan recesivo. Pero non é só iso. Falan dun cúmulo de problemas.
"Temos uns custos de produción cada vez máis elevados, temos uns recortes da PAC cada vez máis e máis esixentes, temos problemas coa fauna silvestre".
Seguirán na Ronda da Muralla polo menos ata o luns, que é cando teñen programada unha reunión co conselleiro de Medio Rural. A Xunta xa adiantou este xoves que habilitará unha cantidade de cartos compensatoria.
Moitos están dispostos a seguir ata que haxa unha solución real por parte da industria e das Administracións.
"Si, si, a nosa idea é seguir mentres non nos dean unha solución aos problemas que temos", asegura un gandeiro.
Tamén están pendentes dunha resposta por escrito do Goberno central aos seus pedimentos. Queren compromisos cuns prezos xustos para a tenreira suprema.