Os produtores reivindican o picor dos pementos de Herbón
Os produtores reivindican o picor dos pementos de Herbón
As variedades tradicionais teñen unhas características singulares que veñen dadas pola súa composición
A introdución no mercado de pementos pequenos e doces, de aspecto parecido aos de Padrón, pode dar lugar a confusión. Pero na Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón advirten que son totalmente diferentes dos que producen eles.
"Ata non debían dicir tipo Padrón, porque non é. Son as que sacaron agora novas, a variedade Celta, Boiro, non sei que. Non teñen nada que ver, aínda que no aspecto se parezan aos nosos, non o son. Son doces, non pican, pero tampouco non saben", di Milagros González, presidenta da SAT A Pementeira.
As variedades tradicionais teñen unhas características singulares que veñen dadas pola súa composición. A capsicina achega o picante e outros matices propios dos pementos de Herbón.
"O olor e o sabor deste pemento vén dado por toda a composición. A capsicina dálle ese sabor, aínda que non pique, é o que lle dá a diferenza".
No mercado de abastos de Padrón tamén o teñen claro, tanto os vendedores coma os consumidores. Porque parte da graza está no factor sorpresa, na posibilidade de que os pementos piquen ou non.