Na Festa do Pemento de Herbón repartiron máis de 3.500 racións
Na Festa do Pemento de Herbón repartiron máis de 3.500 racións
Os asistentes degustaron tonelada e media de pementos acompañados de patacas cocidas e pan de broa
As pementeiras están en plena temporada de produción
Unha trintena de tractores participaron nesta orixinal procesión a Santo Antonio. Trátase dunha comitiva coa que, ano tras ano, os produtores festexan a súa colleita de pementos.
"Aquí en Herbón ténselle unha devoción especial. É o Santo como do convento, tamén está a festividade de Santo Antonio. Desde que se empezou a facer esta festa, fai xa corenta e moitos anos, sempre o fixeron así para bendicir os cultivos, e para que sexa unha boa colleita", conta Nerea Dios, membro da organización.
Na contorna do convento, onde hai 400 anos os frades franciscanos probaban os primeiros cultivos coas semente traídas de México, hoxe celebraron esta festa de exaltación dun produto, o pemento de Herbón, que conta con Denominación de Orixe protexida. Repartíronse unhas 3.500 racións.
"Hai un dito aquí en Padrón que di que non lles deas as costas aos pementos, hai que estar moi pendente, revolvelos seguido e darlles moito cariño e moito amor. Ao final é o importante da cociña, sal, aceite, e moito amor", di o cociñeiro.
Pero a destreza do cociñeiro non o é todo. O sabor deste pequeno manxar esconde outros segredos.
"Si, si , si a terra é exclusiva para o pemento, como en Herbón ningún", asegura unha muller.
A festa gastronómica rematou pero os auténticos pementos de Herbón continuarán chegando ao mercado ata o outono, cando remata a produción.
"Os de fóra teñen a pel grosa os de aquí son máis finos. A min os de fóra non me gustan".
"Á aventura, uns pican e outros non!".