Os produtos da IXP Pan Galego pódense degustar nas casetas do polbo do San Froilán
Os produtos da IXP Pan Galego pódense degustar nas casetas do polbo do San Froilán
A campaña está apoiada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria
Na iniciativa participan ata catro panaderías de Lugo
Auga, sal, formento e fariña de trigo, cun mínimo dun 25 por cento procedente de variedades autóctonas. Son os ingredientes dos produtos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, que este mes se poden degustar nas tradicionais casetas do polbo do San Froilán.
A presenza da IXP Pan Galego nestas casetas forma parte dunha campaña de promoción dun produto de calidade feito con fariña de trigos do país. Segundo os hostaleiros, trátase do acompañamento ideal para o mellor polbo á feira, que é o que aquí se serve.
Ramiro López, hostaleiro: "Dixéronme se quería pan normal ou da IXP e quixen da IXP. Pódeche custar un pouquiño máis, pero o importante é que o cliente note a diferenza".
Juan Pazo, hostaleiro: "Utilizamos un pan dun forno moi antigo de aquí de Lugo, de leña, que segue mantendo a súa tradición, con fariñas da terra. É un pan que se adapta moi ben ao polbo, co seu miolo para poder mollar no aceite".
A iniciativa está apoiada por Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Nela participan ata catro panaderías de Lugo, que se encargan de subministrarlles o pan ás casetas do polbo.
Francisco García, panadeiro: "O noso pan ten un proceso cen por cento artesanal. Dividimos a man, temos procesos moi longos de fermentación en bloque, fórmase a man e cócese con leña de carballo nun forno de leña".
A produción anual do trigo certificado co que se elabora o Pan Galego ascende a medio millón de quilos.