Sacan as aulas á rúa para achegar as matemáticas ao público xeral
Sacan as aulas á rúa para achegar as matemáticas ao público xeral
O 14 de marzo celebrouse o Día do Número Pi e, á súa vez, o día desta materia
Celébrase o Día Internacional das Matemáticas, o Día do Número Pi. Unha data que os profesores desta materia aproveitan para sacar as súas clases á rúa e achegárllelas ao público dun xeito ameno e divertido. Hoxe, din, toca xogar para aprender.
"Realmente é algo que debería gustarlle a todo o mundo e vemos que non é así, entón gustaríanos achegárllela a xente, que vexan que as matemáticas teñen que gustar, se as entendes teñen que gustar".
E con ese reto saen á rúa, desta vez, as matemáticas transfórmanse para chegar á xente.
"Eu teño unha actividade que é adiviñar o día do aniversario dunha persoa a través dunhas fichas e con potencias. Igual desta maneira que é máis visual e máis dinámico, é máis sinxelo de entender e tamén que se interesen por elas." Explica Iria Barreiro, estudante de Enxeñería aeronáutica.
Xogos de lóxica, nós imposibles, construcións xeométricas, hoxe aquí todo cobra sentido.
"Eu encárgome das cúpulas de Leonardo. Son cúpulas autosostibles que se suxeitan só co seu propio peso".
Nas predicións meteorolóxicas, nos algoritmos dos videoxogos, nos cálculos que precisa a robótica, na enxeñería, aí e en tantas outras cousas está presente acotío a matemática. E semella que hai canteira.
"Estou orgulloso de estudar o que estudo, foi a decisión correcta".
"Eu creo que se me dan bastante ben".
"Encántanme, son a miña materia favorita".
Axudan a decidir e sempre están aí, din, por algo moi evidente.
"Son a linguaxe na que están escritas o resto das ciencias".
Din que o sorriso e a curiosidade dos cativos é a mellor recompensa, e toda unha esperanza de cara ao futuro.