Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os propietarios de pisos turísticos anuncian demandas contra a suba de taxas

Os propietarios de pisos turísticos anuncian demandas contra a suba de taxas

Aviturga prepárase para denunciar a Illa de Arousa por gravarlles a recollida de lixo

G24.gal 28/12/2024 14:54

En Galicia actualmente hai rexistradas preto de 26.000 vivendas de uso turístico, o que representa un 47 % do total de prazas dispoñibles para visitantes. E o número vai en aumento, a pesar de que varios  concellos foron poñendo límites á súa implatación e de que lles están incrementando o prezo dalgúns servizos, como a recollida de lixo.

Na asociación que representa os propietarios deste tipo de vivendas, Aviturga, consideran que o incremento de gravames é unha inxustiza tributaria. 

"As nosas vivendas alúganse como máximo 40 días ao ano e estamos pagando un servizo doce meses cando o utilizamos 40 días, menos que unha vivenda habitual", argumenta a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín.

A presidenta da asociación anunciou que xa se están preparando para levar aos tribunais a taxa polo lixo que acordaron poñerlles na Illa de Arousa, que case duplica a dunha vivenda habitual.

"É algo desproporcionado que é simplemente unha directriz política para erradicar as vivendas de uso turístico", apunta Dulcinea Aguín.

Desde Aviturga aseguran que os alugueiros de longa duración non escasean porque haxa vivendas turísticas, senón pola lei de vivenda nacional.

"O que non pode ser é que eu teña unha vivenda e mañá alugo esa vivenda de longa duración e o inquilino non me paga e non pasa nada, e se ma desfai non pasa nada", afirma a presidenta de Aviturga.

Dulcinea Aguín asegura que os queren demonizar e lamenta que non se tomen outras medidas para facilitar a vivenda habitual.

"Hai máis de tres millóns de vivendas baleiras que se poden poñer en aluguer, unha parte importante téñenas os bancos, hai algunha iniciativa para iso? non", apunta Dulcinea Aguín.

En Aviturga manteñen que na situación actual todo o mundo perde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade