A familia siria acollida en Galicia é unha nai e os seus catro fillos
A familia siria acollida en Galicia é unha nai e os seus catro fillos
Fuxiran da guerra de Siria a Turquía, onde sufriron o terremoto de hai un mes
A ONG ACCEM facilitoulles un piso de acollida en Vigo
A familia refuxiada siria acollida este sábado en Vigo está formada por unha nai e os seus catro fillos, un deles menor de idade.
Chegaron a Madrid canda 84 compatriotas -trasladados a outras dez provincias españolas-, que primeiro fuxiron da guerra e logo sufriron os terremotos que hai un mes devastaron especialmente a fronteira turca onde vivían refuxiados.
A ONG ACCEM facilitoulle á familia un piso de acollida e vaina asistir en todo o preciso a través do seu equipo multidisciplinar, como explica o seu responsable territorial en Galicia, Daniel Bóveda.
"O principal agora é ver como están a nivel psicolóxico e de saúde xeral e logo ir traballando o castelán e a vía de comunicación e de inclusión. E, unha vez estea isto, atenderemos á formación e mesmo ao traballo".