Os retos da pesca galega centran a reunión de Villares coa Confederación de Empresarios
Os retos da pesca galega centran a reunión de Villares coa Confederación de Empresarios
A comisión mar-industria e mais o conselleiro coinciden na defensa da lei do litoral e na demanda de fondos específicos para o sector
A patronal galega creou hai dez meses un órgano asesor específico para a industria do mar, con representación de todos os ámbitos do sector. Esta mañá compartiron co conselleiro a análise dos retos que afrontan, e as súas prioridades.
A primeira, a necesidade de fomentar o consumo de peixe e os seus transformados. O presidente da CEG apunta á baixada do ive: "Ese IVE que vimos reclamando dende hai tempo, se se fai para o aceite de oliva, por que non para os produtos pesqueiros? Son algúns dos temas, como a Lolga, a situación do litoral e como pode ser o recurso que se fixo".
O conselleiro do Mar coincide na relevancia da lei do litoral de Galicia, impulsada pola Xunta e recorrida polo Goberno central ante o Constitucional. Villares defende que a norma dá seguridade xurídica e responde ao consenso do sector: "Un documento incuestionable en todos o sentidos, que defende o sector do mar e os postos de traballo que se están xerando dende hai ano no litoral, que queremos seguir defendendo".
A comisión mar-industria tamén olla cara a Bruxelas, pendente do veto á pesca de fondo e dos plans de descarbonización, para os que demandan fondos específicos. "Para seguir sendo vangarda necesitamos fondos para facer os investimentos necesarios seguindo o camiño que nos marca Europa", asegura Alfonso Villares.
Xunta e empresarios coinciden en buscar consensos para defender o sector mar-industria, que en Galicia factura 9.000 millóns de euros ao ano.