Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os ríos volven rebordar polas intensas choivas

Os ríos volven rebordar polas intensas choivas

Leitos coma o río Grande en Zas bótase por fóra

Os ríos Tambre, Verdugo e Deva, en vixilancia por perigo de rebordamento, mantéñense nos límites

G24.gal 29/10/2022 14:45 Última actualización 29/10/2022 15:14

Cos prados asolagados e cos propietarios lindeiros pendentes de como subía o caudal do río Grande, así amencían esta mañá en Baio, no concello coruñés de Zas. Unha borrasca procedente de Irlanda prendía as alarmas e a Aemet activaba unha alerta laranxa dende onte para a provincia de Pontevedra, por precipitacións acumuladas de ata oitenta litros por metro cadrado, e amarela para a da Coruña.

Aínda que non se acadaron esas cifras, na cidade de Pontevedra caeron esta noite cincuenta litros por metro cadrado, e en Rodeiro recolléronse corenta e tres. Con esta cantidade de auga, a Dirección Xeral de Emerxencias estaba moi pendente do río Tambre no concello coruñés de Val do Dubra, do Deva en Arbo e do Verdugo en Pontecaldelas. Nesta vila pontevedresa os veciños seguían a evolución da chea, que segundo eles, aínda estaba lonxe de saír dos límites.

Segundo os datos das estacións de Meteogalicia, pouco despois da medianoite de onte, en só dez minutos, caeron preto de oito litros no Val do Dubra. Unhas horas despois, o río Tambre que discorre pola zona, subía case un metro de altura e dobraba o seu caudal. 

Aínda así, non botou por fóra e esta mañá nos tramos da praia fluvial de Tapia e na Ponte Maceira, o nivel da auga non era preocupante. De feito, dende o 112 indicaron que, malia as intensas choivas da noite, non houbo incidencias salientables por asolagamentos dos ríos grandes en Galicia.

E é que para superar a situación de seca que Galicia vén sufrindo dende maio, afírmase que debería estar chovendo intensamente ata decembro ou xaneiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade