Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda proclámase "xefe da oposición" ao Goberno en Galicia para reclamar financiamento

Rueda proclámase "xefe da oposición" ao Goberno en Galicia para reclamar financiamento

Ana Pontón acusa a Rueda de ser "cómplice" da "discriminación" que sofre Galicia e cifra en 13.975 millóns de euros o que Galicia perdeu entre 2009 e 2021 co actual modelo

Gómez Besteiro criticou as "ideas singulares" postas en marcha pola Xunta para reforzar a Atención Primaria e lamentou a "desatención" dos gobernos do PP nesta materia

Rego reclama "unha cota galega" e Sánchez aposta por mellorar o financiamento desde a "singulariedade" e a "igualdade"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responde as preguntas dos grupos durante o pleno do Parlamento  (EFE/Lavandeira jr) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responde as preguntas dos grupos durante o pleno do Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 26/06/2024 09:28 Última actualización 26/06/2024 13:40

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, proclamouse "xefe da oposición de Galicia" ao Goberno central para reclamar un mellor financiamento para a comunidade. Foi na sesión de control ao Goberno celebrada no Parlamento Galego en resposta a unha pregunta formulada pola líder do BNG.

Ana Pontón acusou a Rueda de ser "cómplice" da "discriminación" que sofre Galicia co actual modelo de financiamento -"asinado" polo agora presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo- que lle fixo perder 13.975 millóns de euros, entre 2009 e 2021, segundo un recente informe do Consello de Contas de Galicia que citou.

O titular da Xunta considerou que é Pontón a "cómplice" do Goberno central na súa "política letal e demoledora" para Galicia ao expor un sistema singular para Cataluña e reclamar un similar para a comunidade galega.

Rueda asegurou que na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira a Xunta vai defender un sistema de financiamento autonómico "xusto o contrario" que o BNG; isto é "fuxir de particularidades, egoísmos e formulacións antigalegos" e reclamar unha negociación multilateral.

O presidente recriminou ao BNG o seu apoio á investidura de Sánchez e advertiu que non se vai a conformar coas "migallas" do "festín singular" para Cataluña.

Na quenda de réplica, Ana Pontón tirou de ironía e referiuse ao presidente da Xunta como o "xefe da oposición". A líder do BNG considera que, na sesión de control de hoxe, o presidente deu unha mostra de "incapacidade política" ao pedirlle á líder da oposición en Galicia que "faga o seu traballo como presidente" para conseguir mellorar o financiamento da comunidade.

"Si, son o xefe da oposición de Galicia fronte ao Goberno central. A moita honra", replicou o presidente galego a Ana Pontón na súa quenda de réplica. 

Tras lembrar que "os servizos públicos custan máis na comunidade", Rueda sinalou que a postura de Galicia está clara: reclamou "suficiencia" financeira para Galicia en liña co recollido na Declaración de Santiago asinada hai tres anos xunto a outras sete autonomías.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, preguntou a Rueda na sesión de control polas medidas para reforzar a sanidade pública e, en concreto, a Atención Primaria, tras criticar as "ideas singulares" postas en marcha para este verán, como o "Monopoly sanitario" de ofrecer vivenda aos médicos nas localidades costeiras ou a supervisión do traballo dos MIR de último ano.

"Xa veremos se a supervisión é directa, indirecta ou por intelixencia artificial", ironizou Besteiro, que lamentou a "desatención" dos sucesivos gobernos do PP en Galicia á Atención Primaria.

 

Rueda reafirmou que o sistema sanitario galego é "sólido" e non responde á "visión catástrofista" do líder socialista.

O presidente volveu derivar a responsabilidade da falta de médicos de Familia ao Goberno central, que só fai de "comentarista" e non expón solucións, mentres que a Xunta toma "medidas eficaces".

Na sesión, Besteiro mostrou unha gráfica cos diferentes incrementos de prazas mir durante os anos de Gobernos socialistas e os do PP e lamentou que pregunta "por mazás" e Rueda respóndelle "con peras", sempre "botando balóns fóra" cara ao Goberno central, cando o problema da sanidade pública non é só de falta de profesionais senón de xestión.

Rueda ironizou con estes datos e admitiu que "quen toma a decisión de convocar" as prazas mir é a Xunta e seu é "o esforzo" realizado nos últimos anos neste ámbito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade