Os sindicatos cifran nun 95 % o seguimento da folga nas ITV galegas
Os sindicatos cifran nun 95 % o seguimento da folga nas ITV galegas
Pararon este sábado e van parar os tres sábados que faltan de agosto
Demandan melloras salariais e da xornada laboral
Non descartan ampliar as mobilizacións a setembro
Os traballadores dos centros galegos de ITV denuncian que tras case un ano de negociacións para acadar un novo convenio colectivo non ven ningún progreso por parte da empresa.
"Encontrámonos cunha situación totalmente inmobilista por parte da empresa. Non accede ás nosas demandas: mellora da xornada e mellora salarial acorde ao custo da vida", explica Marcos Crespo, membro do comité de empresa da provincia da Coruña.
Por iso convocaron folga este sábado e os tres que faltan de agosto e non descartan estender as mobilizacións a setembro.
"Evidentemente sentimos o trastorno que causa, pero a xente ten que entender que necesitamos chegar a final de mes e pagar as facturas como todo o mundo", afirma Carlos Aldao, delgado da CIG no comité de empresa da Coruña.
Varios usuarios con cita previa decatáronse da folga ao chegar ás estacións de inspección.
Segundo os sindicatos, o seguimento da folga nesta primeira xornada foi do 95 %.