Os socialistas achacan os ataques a varios alcaldes á crispación e o PP pide non "demonizar"
Os socialistas achacan os ataques a varios alcaldes á crispación e o PP pide non "demonizar"
Ao alcalde da Illa rompéronlle unha clavícula e ao de Vilanova intentaron queimarlle o coche
Os partidos políticos pronunciáronse esta mañá sobre as recentes agresións aos alcaldes de Vilanova de Arousa e da Illa, do PP e do PSOE respectivamente. Todos condenan eses actos, pero os socialistas vincúlanos cunha crispación social que cren que provoca o PP. Os populares piden responsabilidade e non considerar inimigos os opoñentes políticos.
"Non ten cabida a violencia e moito menos contra cargos públicos que representan a cidadanía. Polo tanto, a nosa máis firme condena e sobre todo ao alcalde da Illa desexarlle que se recupere pronto", dixo Ana Pontón, voceira nacional do BNG.
"Son actitudes que teñen a súa orixe posiblemente nunha situación de crispación social á que declaracións como as que fixo nas últimas horas o señor (Miguel) Tellado (PP) contribúen de maneira decisiva", sinalou Luís Álvarez, voceiro do PSdeG no Parlamento.
"Creo que facemos un servizo ao país mantendo a racionalidade nos debates e intentando non demonizar, non converter nun inimigo a ninguén porque se facemos iso, como vemos que ocorre na política nacional, ese é o trunfo dos populistas", afirmou Pedro Puy, voceiro do PP no Parlamento.
O alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, recibiu unha agresión física durante a celebración dunhas festas patronais no municipio. Un veciño empurrouno e guindouno ao chan. O rexedor rompeu a clavícula como consecuencia do golpe e tivo que ser trasladado ao hospital do Salnés.
O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, volveu ser vítima dunha sabotaxe mediante un intento de incendiar o seu coche.