Pacto da reforma das pensións: permitirá elixir entre os últimos 25 ou 29 anos
Pacto da reforma das pensións: permitirá elixir entre os últimos 25 ou 29 anos
A CEOE rexeita a proposta pola suba das cotizacións
"Vai garantir o poder adquisitivo dos pensionistas, reforzar a equidade do sistema e reforzar a sustentabilidade do sistema público de pensións para as vindeiras décadas". Así anunciaba Pedro Sánchez o acordo acadado este xoves con Bruxelas e esta madrugada cos socios de Unidas Podemos.
A clave do acordo é o período de cómputo: o xubilado elixirá se a súa pensión se calcula sobre os salarios dos últimos 25 anos, como agora, ou sobre os dos últimos 29, eliminando os dous peores, unha opción mais favorable para as carreiras laborais irregulares.
Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, declarábase satisfeita: "Cando facemos as cousas ben, imos avanzando polo noso país. O Goberno de España, se algo fai, é estar ao servizo da cidadanía".
Para Pablo Echenique, voceiro de Unidas Podemos no Congreso, "supón posiblemente a medida máis redistributiva que se vai tomar nesta lexislatura".
Os sindicatos falan dun cambio radical no sistema aínda que non darán o visto e prace ata coñecer os detalles na xuntanza do luns.
Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, cre que "imos na boa dirección. Trátase de non rebaixar o gasto en pensións, senón aumentar os ingresos".
Para Unai Sordo, líder de CC. OO., "se a orientación das medidas vai na liña que se está propoñendo e se o paquete de ingresos da Seguridade Social é o suficientemente ambicioso, creo que é un gran paso".
Ese incremento de ingresos chegará por tres vías: unha cota solidaria que pagarán os que gañen máis de 54.000 euros ao ano, o aumento da cota xa en vigor sobre todos os salarios para financiar a retirada dos 'baby boomers' e a suba dos topes de cotización.
Estas novidades están detrás da frontal oposición á reforma manifestada pola CEOE, que critica a cesión sen precedentes a Europa e a "voracidade recadatoria" do Goberno.
A reforma tamén inclúe a suba das pensións mínimas e das non contributivas e unha mellor cobertura das lagoas de cotización que prexudican sobre todo ás mulleres.
O Partido Popular critica o incremento das cotizacións incluído nesta proposta. Para Juan Bravo vicesecretario de Economía dos populares é "un imposto máis ao traballo, cando xa somos pouco competititvos e cando temos as cotizacións mais altas da media da OCDE".