Os tatuadores piden a supresión da dobre homologación de tintas en España
Os tatuadores piden a supresión da dobre homologación de tintas en España
España prohibe o uso de tintas de cor que se empregan legalmente no resto da UE
Os tatuadores piden que desapareza a dobre homologación das tintas que esixe España. Queren que a normativa sexa a mesma que se aplica no resto de países europeos, onde os estudios utilizan legalmente tintas de cor que aquí aínda están prohibidas.
En 2022 entrou en vigor a certificación europea REACH, que regula as tintas permitidas para tatuar nos países comunitarios. España esixe unha homologación adicional cuns custos que as marcas non están dispostas a asumir. Por iso, non temos tintas de cor legais, aínda que é un segredo a voces que os estudios españois as utilizan.
"Ao longo da historia da homologación en España sempre houbo moitos problemas e para os tatuadores a burocracia sempre foi un hándicap. Esiximos que se elimine a dobre homologación e que se nos permita traballar coma no resto de Europa", reivindica Marko González, de Front Line Tattoo.
Doutra maneira, advirte, moitos centros de tatuaxe estarán abocados ao peche ou a traballar de forma clandestina.
"Todo isto está levando a que os tatuadores monten un local e traballen a porta pechada, sen control de Sanidade e sen pagar autónomos. Están abocando a que a xente peche os seus negocios e traballe de forma ilegal porque é moi complexo chegar a fin de mes desta maneira", indica.
Sucede algo semellante coas agullas, reguladas pola lexislación de produtos sanitarios. Denuncian que, aínda que cumpran cos requisitos esixidos pola Unión Europea, as que proveñen doutros países comunitarios non poden empregarse en España.