Os teléfonos móbiles convertéronse nunha ferramenta poderosa nas investigacións policiais
Moitos feitos delituosos que son gravados por testemuñas axudan a esclarecer moitos casos
Nalgúns sucesos, as testemuñas foxen para non verse mergulladas en problemas ou mesmo acontece todo tan rápido que nin tempo dá a sacar o móbil para gravar o que está a acontecer. Con todo, cando hai posibilidade sempre hai alguén decidido a facer un vídeo que, chegado o momento, pode ter un forte impacto na investigación policial.
"Estas gravacións achegan unha morea de datos sobre diferentes factores que poden intervir nun delito que son de moita axuda para nós", explica Inés Amor, voceira da Policía Nacional.
É o caso, por exemplo, da agresión mortal a Samuel Luiz no paseo marítimo da Coruña.
"Nese caso permitiu ver toda a dinámica agresiva e identificar os agresores", di Manuel Ferreiro, avogado.
Ou tamén na pelexa na rúa Juan Flórez que rematou coa morte de Yoel Quispe tras recibir unha coitelada no corazón. Este vídeo axudou para esclarecer os feitos.
"Tamén se formula unha cuestión: a persoa que está gravando unha agresión e non intervén para actuar en defensa da vítima, tamén podería estar incorrendo nun delito penal. Pero estamos falando dunha agresión na que se empregou un obxecto perigoso e esa persoa podería correr un risco. Nese caso non habería un reproche penal", explica o avogado José Ramón Sierra.
Son probas documentais que reflicten a realidade. Polo tanto, todo o que podes ver cos teus ollos podes gravalo. Así, os teléfonos móbiles convertéronse nunha ferramenta poderosa que mesmo pode chegar a alterar o curso dunha investigación.