Os terreos de Defensa nos que se van construír pisos públicos aínda non están preparados
Os terreos de Defensa nos que se van construír pisos públicos aínda non están preparados
Antes de poder construír, Defensa deberá vender os terreos ao ministerio de Transporte e Axenda Urbana
Sánchez comprometeu nos últimos días máis de 180.000 vivendas públicas
O PP acúsao de levar cinco anos ignorando o problema da vivenda
Xa non hai dúbidas. A vivenda será un dos grandes debates desta campaña electoral.
Pedro Sánchez segue cos anuncios de pisos públicos. Xa leva máis de 180.000 na última semana.
Os últimos 20.000 son edificios que se van construír en terreos que o Ministerio de Defensa non usa. Pero antes de que as máquinas poidan traballar quedan moitos trámites burocráticos. O ministerio de Defensa debe vender eses terreos, non pode cedelos.
A lei non permite "que Defensa poida ceder os terreos gratuitamente, necesariamente ten que recibir unha contraprestación", aclara a ministra, Margarita Robles. E vaillos vender ao ministerio de Transportes e Axenda Urbana.
O Goberno evita concretar onde están eses terreos. Só avanza que están por toda España. Margarita Robles defende que se trata dunha decisión na que todos gañan.
"Defensa, porque vai ter uns ingresos para as súas necesidades e o Sepes vai ter terreo para a construción de vivenda pública".
Goberno e PP volveron chocar na sesión de control por este asunto. O PP asegura que xa se "fan apostas sobre cantas vivendas anunciará hoxe Pedro Sánchez". A voceira dos populares no Congreso, Cuca Gamarra, relaciona a súa crítica a Sánchez pola falta de autoridade para cesar ministros co concepto que ten da política de vivenda.
Gamarra acusa a Sánchez de interesarse por unha única política de vivenda, "a de seguir residindo na Moncloa".
Pero o presidente advírtelle ao PP que non caia na tentación de incumprir coa lei de vivenda.
"A vostedes que lles molesta? que subamos o solo protexido ou que prohibamos que esas vivendas se vendan a fondos voitre? O que se aproba nestas Cortes ten que cumprirse en todos e cada un dos territorios e xa lle pode ir dicindo ás súas comunidades que se vai cumprir a lei de Vivenda no noso país!", afirmou Pedro Sánchez.
Podemos evita cualificar os anuncios de electoralistas pero si avisa que vixiará que se cumpra a lei ata "a última coma tanto antes coma despois das eleccións".
A lei de vivenda votarase este xoves no Congreso e sairá adiante porque o Goberno pechou o apoio de Esquerra e Bildu.