Os traballadores da ITV de Galicia farán folga todos os sábados de agosto
Os traballadores da ITV de Galicia farán folga todos os sábados de agosto
Reclaman unha alza salarial e a redución da xornada laboral
Os traballadores das estacións de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) de Galicia, que reclaman unha alza salarial e a redución da xornada laboral, decidiron ir máis aló nas súas protestas e convocar unha folga con “paros todos os sábados de agosto”.
A representación legal das persoas traballadoras das estacións e os membros da mesa negociadora, composta polos sindicatos CSIF, CIG, UXT e CCOO, anunciaron esta decisión unha semana despois da concentración que realizaron ante o Parlamento galego en protesta polo desacordo nas negociacións do seu convenio de empresa.
Tras unha ducia de reunións infrutuosas e case un ano de negociación, “non vemos unha posible saída ás propostas da empresa”, indican nun comunicado, no que sosteñen que actualmente as negociacións están en “unha vía morta”.
Segundo denuncian os sindicatos, as propostas de mellora ofrecidas pola empresa son insuficientes en tanto que supoñería “manter a perda de poder adquisitivo dunhas subidas por baixo do IPC soportado”.
Por iso, os delegados e delegadas de persoal e os comités de empresa da Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo convocaron catro xornadas de folga para este mes de agosto -os sábados 10, 17, 24 e 31- en todas estaciónelas ITV de SyC, filial de Applus e dona da concesión administrativa para a explotación en Galicia das estacións de ITV.
Ademais, aseguran que “se a empresa non reacciona” as protestas "irán a máis en setembro”, de forma que “se non dá un paso adiante, e achega posturas ás demandas das traballadoras e traballadores do servizo, o conflito está servido”.