Os traballadores de Alu Ibérica urxen unha solución para a planta da Coruña
Os traballadores de Alu Ibérica urxen unha solución para a planta da Coruña
Ven o concurso de acredores como o escenario propicio para que as administracións presenten xa un proxecto industrial solvente
Insisten na vía da intervención temporal e anuncian novas mobilizacións
Ás portas dun concurso de acredores, os traballadores de Alu Ibérica da Coruña só ven unha solución.
"Cremos que é o escenario do que xa non hai volta atrás e no que as administracións teñen que presentar un proxecto industrial solvente", di Juan Carlos López Corbacho, do comité de empresa, e engade que está "amparado polas propias administracións que nos trouxeron a este desastre".
Insisten na vía da intervención temporal e acusan as administracións de darlles as costas e deixar o conflito en mans da xustiza. Piden a dimisión das ministras de Industria e Transición Ecolóxica.
"Non temos nós solución, pero non ten solución ningunha empresa electrointensiva deste país", lembran desde o comité de empresa.
Desde a Xunta insisten en que o futuro da planta depende dun prezo enerxético estable e competitivo.
"O prezo eléctrico é unha condición para que poidamos traballar nese contexto para identificar un proxecto industrial" dixo o vicepresidente económico da Xunta. Francisco Conde insistiu en que "nese senso, esperamos unha reacción inmediata do Goberno".
Inmersos nun ERTE, sen cobrar e sen data para unha nova reunión da mesa industrial, os traballadores volven ás mobilizacións.