Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os traballadores mobilízanse contra a venda de Barreras a Armón

Os traballadores mobilízanse contra a venda de Barreras a Armón

A compañía á que se lle adxudicou o estaleiro vigués só garante a continuidade duns 20 traballadores dos aproximadamente 120 que ten Barreras

"Que a cidadanía saiba que a oferta que se elixiu é un atentado contra os traballadores", manifestan desde o comité de empresa

G24.gal 11/05/2022 10:44

Traballadores de Barreras concentráronse esta mañá ás portas do estaleiro vigués, nunha protesta convocada polo sindicato UXT contra a decisión do xulgado de adxudicar a venda a compañía Armón.

Para os traballadores a clave está na continuidade dos empregados de Barreras. A oferta de Armón só mantén o emprego para vinte dos aproximadamente 120 traballadores do estaleiro

"O concurso abriuse cunha posibilidade de tres ofertas, das cales dúas apostaban polo mantemento do cen por cento do emprego e iso non foi o que lamentablemente a xuíza determinou", di Rubén Pérez, secretario da federación do metal da UXT.

"Entendiamos que había unha solución industrial para Barreras viable, e que podía manter o emprego e por desgraza non foi o camiño que se colleu", afirma Rubén Pérez.

"Que a cidadanía saiba que a oferta que se elixiu onte é un atentado contra os traballadores", manifesta con rotundidade, Sergio Gálvez, presidente do comité de empresa de Barreras.

"Estamos totalmente en contra porque deixa cen familias na rúa, cando había capacidade para elixir outra oferta viable e que contaba coa totalidade dos traballadores", insiste.

Os traballadores incluso poñen en cuestión as cifras que se dan na resolución do xulgado Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, que autorizou a venda de Barreras a Armón. Segundo o auto, a oferta da compañía asturiana era a mellor porque se cifra en 14.700.000 euros, dos que medio millón serían polo despezamento dos cascos da armadora Havila.

Mentres tanto, a oferta de Gondán cífrase por parte do xulgado en 5.500.000 euros. "E iso non está ben, porque Gondán poñía dous millóns polo despezamento e non lle suman iso", di Sergio Gálvez.

"Ao final hai que sumar os cinco millóns setecentos mil euros, case os catro millóns oitocentos mil que serían os despedimentos, máis os dous millóns de Havila, e ao final a diferenza é de dous ou tres millóns de euros, non moito máis. E estamos falando que por esa diferenza tomouse a decisión de despedir cen traballadores", explica o presidente do Comité de empresa.

"O que non podemos entender é ese éxito de que dicir que a venda a de Armón da viabilidade e outra como Gondán que está tendo carga de traballo suficiente non achega esa viabilidade", conclúe Gálvez.

Os traballadores xa advertiran de que se mobilizarían para evitar os despedimentos se a de Armón era a oferta elixida, como finalmente ocorreu. Agora o tempo corre, xa que a operación debe formalizarse no prazo dun mes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade