Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os transportistas galegos celebran asembleas para decidir se continúan co paro

G24.gal 25/03/2022 08:29

Os camioneiros galegos aínda non decidiron se continúan ou non co paro. Será nas diferentes asembleas que se celebran ao longo deste venres en Galicia onde tomarán unha decisión. Antonio Señarís, presidente da Asociación de Empresarios do Transporte de Galicia, manifestou que estiveron revisando as medidas e que aínda está pendente unha asemblea da Federación Nacional e despois unha da Asociación para ver que opinión teñen os socios. Cre que hai que explicar as medidas.

"Necesitamos poñernos a traballar porque hai que reactivar a economía particular doutros colectivos, pero hai que mirar o que opina a xente no tema do desconto do gasóleo. Eles non o ven moi suficiente porque segue sendo custosa a cadea loxística. Para as outras medidas haberá que esperar a xullo para que se vaian implantando", manifestou Señarís.

O acordo chegou preto das 3:00 da madrugada e Señarís manifestou que só puideron revisalas un pouco e que a esas horas non podían adoptar unha decisión. O desconto de 20 céntimos por litro podería supoñerlle a un transportista un aforro duns 800 o 1.000 euros ao mes por camión, pero consideran que non é suficiente. 

Entre as medidas que si satisfai aos transportistas está a lei da loxística, na que hai un tope por debaixo de cuxo prezo non se pode traballar. A axuda directa para reactivar a economía, segundo Señarís, "É algo escasa, pero pode arrincar con algo de solvencia despois de estar case 14 días aparcados".

A Plataforma en Defensa do Transporte xa manifestou que como ninguén os escoitou seguirán co paro e segundo manifestou Señarís "eles foron os que convocaron o paro e serán eles quen o desconvoquen, polo que seguimos pendentes". Destacou que espera que "isto non se converta nunha batalla campal e que haxa algo máis de acordo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade