Os tres aeroportos galegos tiveron case 6 millóns de pasaxeiros en 2023, un 15 % máis
Os tres aeroportos galegos tiveron case 6 millóns de pasaxeiros en 2023, un 15 % máis
O aeródromo compostelán é o que máis viaxeiros rexistra e o da Coruña é o que máis medra
Os tres aeroportos galegos tiveron preto de seis millóns de pasaxeiros o ano pasado, case un 15 % máis que en 2022, segundo os datos facilitados este luns polo operador Aena.
O ano pasado os tres aeroportos galegos rexistraron un total de 5.925.624 pasaxeiros, o que supón 771.787 máis ca un ano antes, un 14,97 % máis, segundo as estatísticas aínda provisionais de Aena.
Trátase de cifras que están, con todo, por detrás dos máis de 7 millóns de pasaxeiros do aeroporto do Porto, no norte de Portugal, que atrae anualmente a moitos pasaxeiros galegos, principalmente da área de Vigo.
Segundo Aena, o aeroporto compostelán de Rosalía de Castro tivo o ano pasado 3.537.445 pasaxeiros, un 9,2 % máis que en 2022, e alcanzou así un "récord".
Do total de viaxeiros, 2.681.768 foron de voos con outros puntos de España e 842.759 de voos internacionais, con aumentos de 8,7 % e 10,9 %, respectivamente, fronte a 2022, ano en que houbo un total de 3.236.619 usuarios.
O aeroporto situado na Lavacolla rexistrou 25.903 voos, un 1,7 % máis que en 2022, dos cales 24.301 comerciais, e destes 18.164 con outros puntos de España e 6.137 internacionais, un 4 % e un 3,3 % máis que o ano anterior, respectivamente.
En mercadorías, o aeródromo compostelán xestionou o ano pasado un total de 4.818 toneladas de carga.
O aeroporto de Alvedro, na Coruña, mantívose o ano pasado en segunda posición de Galicia en número de pasaxeiros, cun total de 1.252.022 viaxeiros, un 29,9 % máis que en 2022, cando houbo 963.957.
Do total de viaxeiros, 1.251.212 foron de voos comerciais, e destes 1.143.132 en traxectos con outros puntos de España, fronte a 108.080 de carácter internacional, o que supón incrementos de 26,1 % e 91,3 %, respectivamente, fronte a 2022, segundo Aena.
O aeródromo coruñés rexistrou, ademais, 77 toneladas de mercadorías.
Por último, sitúase o aeroporto de Vigo con 1.136.157 viaxeiros o ano pasado, un 19,2 % máis que en 2022, ano en que rexistrou 953.261 pasaxeiros.
Do total de viaxeiros, 1.134.409 usaron voos comerciais, deles 1.097.019 con outros puntos de España e 37.390 en voos internacionais -especialmente a nova ruta regular con Londres-, o que supón un incremento respecto a 2022 de 15,5 % e dun espectacular 2.082,7 %, respectivamente, indica Aena.
O aeródromo de Peinador acolleu 14.866 voos operados na súa pista e a terminal de carga xestionou un total de 807 toneladas de mercadorías o ano pasado.