Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os 'trixemelgos milagre' de Vigo chegaron tras un diagnóstico desfavorable ao embarazo

Os 'trixemelgos milagre' de Vigo chegaron tras un diagnóstico desfavorable ao embarazo

Son prematuros: a nena naceu ben de saúde, pero os nenos requiriron cadansúa intervención

Non nacían trixemelgos vigueses desde 2015 

G24.gal 03/03/2023 21:28

Moi ledos e tamén moi nerviosos pola que lles vén enriba. Pablo, o pai dos 'trixemelgos milagre' que naceron en Vigo, falou con Televisión de Galicia un día despois.

"Dixéronnos que practicamente non podía quedar embarazada e que se o facía ía ser un milagre"

Conta que a nai recupérase moi ben da cesárea e calcula que lle dean a alta na fin de semana. Recupérase ben nun cuarto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, tras o parto múltiple por cesárea o primeiro de marzo.

Eva e Pablo acaban de duplicar a familia porque xa tiñan outro neno de 9 anos que, di Pablo, está entusiasmado cos irmáns. E eles, como están?

"Aínda non o temos asimilado, pero moi contentos. Para min foi unha noticia marabillosa e máis despois do susto que levamos uns meses antes por un aborto e dixéronnos que practicamente non podía quedar embarazada e que se o facía ía ser un milagre", di Pablo García.

Sabela, Xoel e Roi están ben, aínda que ao chegar antes de tempo, un pouco delicados. Os varóns precisaron coidados especiais, como nos conta o pai.

"Estiveron 15 persoas no parto e foi practicamente en media hora. Ela está recuperándose para que lle dean a alta se non é mañá, proximamente. Tiveron que operar un e ao outro facerlle unha técnica para sacarlle aire dun pulmón, pero están evolucionando ben".

Os tres pequenos milagres van revolucionar a vida desta familia chegada de Madrid, de onde é ela, e onde el, vigués, estaba destinado como policía. Souberon do embarazo ao pouco de volver, non hai un ano. Por iso Pablo chancea.

"Non sei se será a auga, o marisco, o clima ou non sei, pero é marabilloso" 

Médicos, familia, amigos e ata o concesionario onde xa cambiaron o seu turismo por un familiar están a entregarse co que necesiten. O rebumbio está xustificado: son os primeiros trixemelgos vigueses desde 2015.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade