Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno amplía esta semana os descontos das peaxes na Autoestrada do Atlántico

O Goberno amplía esta semana os descontos das peaxes na Autoestrada do Atlántico

Os principais beneficiarios serán os usuarios recorrentes que fan polo menos 20 viaxes ao mes

Pagarán a metade do traxecto de ida e seguirán tendo a volta gratuíta nas 24 horas seguintes

A asociación de usuarios En Colectivo celebra o anuncio das bonificacións, pero reclama a gratuidade

G24.gal 13/10/2024 21:00 Última actualización 13/10/2024 21:30

O Goberno ampliará o próximo martes, no Consello de Ministros, os descontos das peaxes da AP-9 para os usuarios habituais. A bonificación que xa había do 20 % sobre o prezo do traxecto subirá ao 50 %, sempre e cando se fagan 20 viaxes ao mes. 

O anuncio do ministro de Transportes da aprobación por vía urxente de 26,7 millóns de euros adicionais ao plan de descontos da AP-9, comprometido no acordo de lexislatura entre o PSOE e o BNG, foi ben acollido polos usuarios da autoestrada.

Pendentes de que se concreten as medidas, o pacto recolle unha mellora para os usuarios habituais.

"Todo o que sexa beneficiar os galegos en reducir o custo do tránsito na autoestrada é unha boa noticia porque ao final conseguimos que de algún xeito o custo, que agora asumen as empresas e as familias, poida verse reducido. Pero nós matizamos o que agora o ministro ten enriba da mesa. Ten enriba da mesa a posibilidade de que esta autoestrada se anule e iso supoña a gratuidade da autoestrada para sempre", asegura Diego Maraña, presidente da Asociación de Usuarios En Colectivo, en referencia ao procedemento de infracción da Unión Europea contra o goberno pola prórroga da autoestrada ata 2048. 

A día de hoxe, un usuario ocasional paga por unha viaxe desde a Coruña a Vigo 19,40 euros. Se retorna dentro das 24 horas, ten a volta de balde, con telepeaxe. 

Pero ademais, ata agora, para os usuarios que facían 20 ou máis viaxes ao mes, o traxecto de ida tiña un desconto do 20 % adicional. Con esta ampliación da bonificación o desconto é maior: pagará só a metade desa peaxe. Polo tanto a viaxe sairalle por 9,70 euros, e terá a volta gratis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade