Renfe habilita autobuses para o treito A Coruña-Santiago a vindeira fin de semana
Renfe habilita autobuses para o treito A Coruña-Santiago a vindeira fin de semana
Adif traballará eses días na vía férrea para poder poñer en servizo a nova intermodal da Coruña
A vindeira fin de semana vai ser complicada para os usuarios de Renfe en Galicia, sobre todo para os que teñen como orixe ou destino A Coruña. Adif realizará traballos na vía férrea para poder poñer en servizo canto antes a nova estación intermodal de San Cristovo.
Desde o vindeiro venres ata o luns 23 moitos traxectos entre a capital de Galicia e A Coruña faranse en autobús. Renfe xa apalabrou máis de 250 autobuses para que os usuarios poidan facer eses traxectos, algúns tamén serán en taxi ou microbús.
Haberá impacto en case toda a rede galega, tamén en Vigo que, na previsión inicial, podería perder unha ducia de rexionais entre Santiago e Guixar esa fin de semana.
Outro dos cambios máis salientables é o desvío do AVLO Madrid-A Coruña por Vigo para que Galicia non perda conexións coa meseta. Os que teñan como destino a cidade herculina deberán baixar en Santiago e serán redirixidos á Coruña en bus.
Renfe tamén apunta que os horarios poden sufrir variacións e recomenda aos viaxeiros que consulten os horarios antes de viaxar.